18/02/2021.

Tantas causas, tantos meses: visibilizando proxectos de saúde mental

O Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia vén de poñer en marcha unha bonita iniciativa que pretende visibilizar diversos proxectos ou actividades relacionadas coa saúde mental levadas a cabo por asociacións galegas.

A canle que empregarán para iso será o blog mentalizacción.org, un espazo creado polo propio Comité onde se comparten contidos de diversa índole, pero sempre vinculados á promoción da saúde mental e á defensa dos dereitos do colectivo.  

Deste xeito, ao longo de todo o 2021, cada mes publicarase en mentalizaccion.org un artigo elaborado por unha asociación federada en Saúde Mental FEAFES Galicia, onde se presente algún programa, servizo ou experiencia que a entidade desenvolva e queira compartir. Todos os contidos relacionados con esta iniciativa atoparanse no apartado do blog “Tantas causas, tantos meses”.

As publicacións poderán ser tanto en formato escrito como audiovisual, pero en calquera caso contribuirán a dar a coñecer diversas iniciativas que se levan a cabo en todo o territorio galego. Esta proposta permitirá, ademais, favorecer a difusión do blog mentalizacción.org e potenciar o achegamento entre o Comité e as asociacións galegas de saúde mental.

O Comité en Primeira Persoa, un espazo con voz propia

O Comité Galego en Primeira Persoa é un órgano que dá voz ás persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións, conformando un marco para o diálogo e a posta en marcha de accións concretas que permitan avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades para as persoas con problemas de saúde mental.

Foi constituído en novembro de 2017 en Santiago de Compostela e actualmente conta con oito membros activos procedentes de diversos lugares de Galicia. A través de reunións mensuais, o Comité convértese nun espazo de intercambio de información e inquedanzas onde os seus integrantes tratan temas vinculados á saúde mental que lles afectan e lles preocupan. 


Compartir contido