22/09/2020.

“É moi necesario facer fincapé no fomento da autoestima”

A principios de ano, a traballadora social da Unidade de Saúde Mental de Ourense derivou a Amanda (nome ficticio) a Saúde Mental FEAFES Galicia. “Esperaba apoio, que me desen información, que me axudasen a reincorporarme outra vez socialmente, a participar en actividades...”, comenta.

Nese momento, Amanda atopábase nunha situación complexa a nivel anímico. Recoñece que se sentía algo confundida, ansiosa e cunha grande incerteza, pois a enfermidade mental supoñía “un cambio radical” na súa vida. Grazas ao persoal técnico da entidade, Amanda atopou respostas, información e actividades nas que participar: “Puiden entender cal ía ser a miña nova situación na vida e vin que outras persoas coma min teñen saído adiante”.

Pouco tempo despois, Amanda pasou a formar parte do Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado por la Secretaría Xeral de Igualdade. Aí participou en diversas sesións online nas que se abordaron temas como a autoestima e os autocoidados, a afectividade e a sexualidade, o apoderamento ou a aplicación EscApp para vítimas de violencia de xénero. “Estas sesións fixéronme ver que hai que ser moi persistente e non deixarse levar polas influencias negativas, senón tratar de ser positiva e loitar polo que unha quere. E se unha precisa axuda, tamén saber pedila”, comenta.

Amanda asegura que a formación é moi importante para ela porque “apórtame coñecementos e mantenme activa”. Ademais, permítelle contactar con outra xente e establecer relacións de axuda mutua. “En Saúde Mental FEAFES Galicia inscribinme a cursos para ver se nun futuro podo traballar. Tamén facilitáronme información e axuda xurídica, e cada semana temos unha actividade de ocio que me gustan moito”.

Amanda recoñece que, ao proceder da rama sanitaria e ter algún caso próximo, nunca tratara os problemas de saúde mental como un tabú. Sen embargo, asegura que na sociedade aínda hai moitos prexuízos cara esta realidade. “A alguén que estea pasando por un momento complicado a nivel de saúde mental, diríalle que veña aquí, a FEAFES, porque vanlle entender e vai recibir apoio. E que con relacionarse, con conversar ou informarse, vaise sentir moito mellor”, opina. 

Respecto ao seu futuro, recoñece que a curto prazo, coa situación que estamos a atravesar derivada da COVID-19, é moi difícil facer plans. “Con estas últimas experiencias que tiven, decidín non facer plans a longo prazo porque sempre se me cambian. O futuro é incerto, así que sigo coa miña vida de maneira natural: vou ao comedor social de Cáritas como voluntaria, fago as miñas rutinas de exercicio, vexo programas para aprender a cociñar... Que me chega un curso? Pois ben. Que toca estar en casa? Pois aproveito, reláxome e estou tranquila”, conta.

A día de hoxe, recoñece que se atopa máis relaxada e con menos presión, a pesar da situación incerta que estamos a vivir. “Non sinto medo, síntome moito máis tranquila... e entusiasta; máis entusiasta, si”, subliña. Di que, para chegar a este punto, o apoio prestado por Saúde Mental FEAFES Galicia e o Programa de Atención Integral a Mulleres, foi moi útil. “Axudáronme, por exemplo, a levantar o ánimo, a ofrecerme ocio e entretemento, a explicarme como e en que podo traballar...”, relata. 

Amanda cre que, así como ela tivo a oportunidade de mellorar a súa autoestima e apoderamento, é moi necesario potenciar estes valores a nivel global. “Creo que sería moi bo non só para as mulleres que estamos aquí, senón a nivel de sociedade, a nivel de sensibilización en xeral, facer máis fincapé no fomento da autoestima. E tamén ir quitando o tabú da sociedade. Pois ao fin e ao cabo, hoxe en día, e despois de todo o que pasou, despois de estar en confinamento, coidar a saúde mental vai ser importante para todas as persoas”, conclúe.




Compartir contido