04/08/2020.

O Concello de A Coruña, coa inserción laboral

Un total de 60 persoas están a participar no Proxecto de Prospección e Inserción Laboral para Persoas con Enfermidade Mental do Concello de A Coruña, financiado pola administración local e desenvolto ao longo de todo o ano 2020.

O obxectivo desde programa é mellorar a empregabilidade dun colectivo con especiais dificultades para a inserción laboral, a través dunha combinación de medidas que faciliten o acceso a un emprego de calidade por parte das persoas participantes así como a sensibilización e intermediación co sector empresarial.

Para iso, realízanse Itinerarios Personalizados de Inserción, unha metodoloxía flexible adaptada á persoa usuaria e dirixida pola figura do/a acompañante, que actúa tanto durante o proceso de orientación como no de inserción laboral.

Dentro desta metodoloxía contémplanse unha serie de actividades secuenciadas que as persoas participantes deben percorrer coa fin de xestionar con autonomía o seu propio proceso de inserción laboral. Así, identifican e desenvolven o seu perfil profesional, aprenden a utilizar as distintas fontes de información laboral, seleccionan aquelas ofertas axustadas á súa situación, elaboran os seus CVs e aprenden a manexarse nas entrevistas de selección.

Na área de formación, este programa tamén contempla a capacitación individual das persoas usuarias en áreas específicas que lles permitan desempeñar unha ocupación determinada. Unha vez accedan a un posto de traballo, faise un seguimento e apoio naqueles casos nos que sexa necesario, tratando de garantir a súa continuidade e promoción no posto de traballo.

Respecto á área de intermediación laboral, dende Saúde Mental FEAFES Galicia realízase un traballo de busca de ofertas de emprego axustadas aos perfís das persoas demandantes, do mesmo xeito que se promoven convenios de colaboración de prácticas formativas e, en definitiva, sensibilízase e asesórase ao tecido empresarial cara a contratación de persoas con problemas de saúde mental.



Compartir contido