08/02/2016.

Servizo de Emprego con Apoio a través da AESE

O Servizo de Emprego con Apoio que desenvolve FEAFES Galicia corresponde a un programa cofinanciado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, con cargo á convocatoria da asignación tributaria do IRPF 2015 e promovido pola Asociación Española de Emprego con Apoio (AESE) como entidade organizadora.

O Emprego con Apoio defínese como un “sistema de apoios ás persoas con discapacidade ou outros grupos en risco de exclusión social, para que consigan e manteñan un emprego no mercado laboral aberto. O apoio debe darse antes, durante e despois de obter un contrato laboral, incluíndo, ademais os apoios ao empresario e tendo como punto crave en todo o sistema, a figura do Preparador Laboral” (European Union of Supported Employment - EUSE 2011).

O seu obxectivo, en definitiva, é a creación e o mantemento do emprego das persoas con discapacidade e especiais dificultades de inserción nas empresas do mercado ordinario de traballo.

Regulación

Este sistema forma parte das políticas activas de emprego e está regulado polo Real Decreto 870/2007, do 2 de xullo, polo que se regula o programa de emprego con apoio como medida de fomento de emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

O programa enmárcase dentro do Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, que nos artigos 37 e 41 recolle como medida de inserción no emprego ordinario, aos Servizos de Emprego con Apoio.

Accións que se realizan

- Orientación e asesoramento para a procura de emprego.
- Formación laboral mediante uso de novas tecnoloxías.
- Deseño de itinerarios personalizados de inserción.
- Prospección e captación de ofertas de emprego.
- Dotación de apoios dentro e fóra da contorna laboral, ao traballador e a súa familia e ao empresario.
- Adestramentos das tarefas do posto de traballo.
- Seguimento e mantemento do posto de traballo.
- Implementación do plan de voluntariado para a área de emprego.
- Campaña de sensibilización empresarial.

Beneficiarios

Benefícianse deste servizo persoas con discapacidade inscritas nos Servizos Públicos de Emprego como demandantes de emprego non ocupados, así como traballadores con discapacidade contratados en empresas ordinarias con necesidades de apoio, sempre que, en ambos os casos, atópense nalgún dos supostos que se describen a continuación:

a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de minusvalía recoñecido igual ou superior ao 33%.
b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de minusvalía recoñecido igual ou superior ao 65%.
c) Persoas con discapacidade auditiva cun grao de minusvalía recoñecido igual ou superior ao 33%.

O programa tamén atende as necesidades de apoio das familias da persoa con discapacidade, baseando as accións realizadas na planificación centrada na persoa e nos círculos de apoio.

Do mesmo xeito, a través deste servizo desenvólvese unha atención especializada, próxima e de calidade cara aos empresarios e os seus equipos de traballo. Asesorando e prestando os apoios necesarios ante calquera incidencia que poida xurdir no posto de traballo, ao longo de toda a relación contractual entre o traballador e a empresa.


Compartir contido