25/05/2018.

Unha visión diferente do papel da muller



Margarita, usuaria de FEAFES Lugo, participou o ano pasado no Proxecto de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, que leva a cabo FEAFES Galicia financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade. Nunha conversa con ela, contounos que significou este programa e como cambiou a súa forma de mirar e afrontar a súa vida. 

"Para min, participar neste proxecto supuxo descubrir unha visión diferente do papel da muller. Déuseme a oportunidade de dar un salto a unha nova realidade: pasei de ser ama de casa e estar sempre no meu fogar a ver que hai outra realidade e que eu podo vivir nela, que é a da muller que traballa fóra da casa. Sentín que podía facer máis cousas e que servía para máis do que eu pensaba. 

Dende FEAFES Galicia propuxéronme recibir formación tanto teórica como práctica, xa que levaba moitos anos fóra do mercado laboral. Despois de realizar prácticas no sector da limpeza, puiden acceder a un emprego, e decateime de que esa nova realidade que estaba a descubrir non só a poden vivir os homes, senón que está feita para todos e todas.

Psicoloxicamente, participar no programa e poder acceder a un traballo supuxo un cambio moi grande para min. Pasei de pensar que non era válida, que non servía, de sentirme completamente dependente, a saber que si que servía, que podía facer ese traballo ou outros. 

Ao principio costoume moito adaptarme porque estaba nerviosa, pero cando me sentín máis segura, atopei unha rutina e deime conta de que desempeñaba ben as miñas tarefas, o cal foi moi liberador.  Ademais, o propio traballo desatoume de moitas manías que tiña sobre a limpeza, o cal teño que agradecer á miña compañeira de traballo que me foi ensinando e axudando. Isto que aprendín no emprego tamén o trasladei a outros ámbitos da miña vida, como por exemplo á miña propia casa.

Pola parte que concirne a FEAFES Galicia, ademais de brindarme a oportunidade, a entidade axudoume moito. O feito de saber que se preocupaban por min, que me chamaban para saber como estaba, poder chamar eu cando non me sentía ben, e sobre todo que me dicían que a empresa estaba moi contenta comigo... todo iso dábame moita tranquilidade. 

Tamén cómpre comentar que durante o ano que durou o meu contrato tiven unha baixa laboral, e estiven moi preocupada polo que me puidesen dicir os xefes e os compañeiros cando me reincorporase. Pero contrariamente aos meus temores, foi moi reconfortante retomar a actividade laboral porque estar sen facer nada resultábame moi angustioso.   

As charlas ás que acudín durante o programa tamén me serviron para estar en contacto con outras mulleres con realidades moi diferentes á miña, abrir a mente a outras situacións e cambiar a miña visión do que poden e non poden ser as cousas.

Por último, dicir que hoxe en día sigo estando activa e compaxinando a miña vida familiar, sobre todo o coidado dos meus fillos, coa parte de “Marga” que quere aprender, medrar, facer cousas para ela mesma e sentirse ben con iso. Agora estou realizando un curso de impresión dixital, pero continuo en busca activa de emprego. A miña orientadora, Vanesa, derivoume a varias ofertas de emprego, e o mellor de todo é que en breves vou empezar a traballar de novo."

Margarita Vázquez, usuaria de FEAFES Galicia en Lugo.
Compartir contido