10/12/2013.

A Deputación da Coruña premia a título póstumo a José Luís Muruzábal

O labor de José Luis Muruzábal ó fronte da asociación Pro-Enfermos Mentais da Coruña, APEM, foi recoñecido unanimemente polo xurado do premio Concepción Arenal que convoca a Deputación da Coruña. 

O obxectivo deste galardón, recuperado este ano tras varios exercicios sen que se convocase, é recoñecer iniciativas, traballos ou traxectorias de persoas e entidades comprometidas coa promoción dos servizos sociais e das políticas de igualdade de sexo.

No caso de APEM, a proposta foi presentada polo presidente da Deputación, Diego Calvo. A súa candidatura foi votada favorablemente por todos os membros do xurado, entre os que se atopaban o presidente da Deputación, a deputada da área de Benestar Social, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística e outros técnicos deste eido.

O primeiro premio para APEM reflicte o recoñecemento á traxectoria xeral da entidade, resaltando a entrega de José Luis Muruzábal en prol da consecución dos fins da asociación. En segundo lugar quedou ASPANAES (Asociación de pais de persoas con trastorno do espectro autista da Coruña), e en terceiro posto foron designadas as Hermanas Hospitalarias de Betanzos PAI MENNI.

APEM desenvolve diferentes programas dirixidos tanto ás familias como aos afectados por enfermidade mental, e conta con centros e vivendas alternativas na Coruña, Betanzos, Cambre, Carballo, Cee, Vimianzo, Cambre, Culleredo e Arteixo.

José Luis Muruzábal Arlegui foi presidente de APEM dende 1987 hasta o seu falecemento este mesmo ano. Gran impulsor desta asociación, participou en diversas negociacións e xestións para a posta en funcionamento dos servizos que foi abrindo APEM ó longo dos anos. Muruzábal sempre defendeu que ás persoas que sofren unha enfermidade mental hai que darlles un futuro, posibilitando a súa independencia económica mediante a oferta de traballos á súa medida.

muruzabal.jpg

 

Compartir contido