13/04/2015.

Itínera presenta o IV Curso de Voluntariado en Saúde Mental

Os días 17, 18, 24 e 25 de abril terá lugar a cuarta edición do Curso de Voluntariado en Saúde Mental organizado pola asociación Itínera, que este ano leva por lema “O labirinto da saúde mental”.

As xornadas terán lugar na aula magna da Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela e serán recoñecidas cun crédito ECTS para todos os graos da USC. O prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de abril, hai prazas limitadas e o custo da matrícula é de 40€.

Ó longo dos catro días que dura o curso, abordaranse diversos temas como a rehabilitación, as institucións, a protección xurídica, as dificultades na inserción laboral, o funcionamento do sistema ou o voluntariado en saúde mental. As xornadas contarán cun enfoque dinámico e participativo para que todos os participantes poidan aportar o seu punto de vista.

O sábado 25 de abril, varios profesionais de FEAFES Galicia e das súas asociacións membro intervirán nas ponencias organizadas por Itínera. De 10:00 a 12:00, a orientadora laboral de FEAFES Galicia, Area López, falará das dificultades que se atopan as persoas con enfermidade mental á hora de insertarse no mundo laboral. Para iso estará acompañada doutros profesionais das asociacións Lar e Andaina que exporán a súa visión e experiencia sobre esta realidade.

A continuación, de 12:00 a 14:00, o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, participará nunha mesa de debate que leva por nome “Os erros do sistema: está a quebrar o sistema de saúde mental?”. Con el intervirán profesionais da asociación Fonte da Virxe e do Movemento Galego de Saúde Mental.

Se queres consultar o programa completo do curso, podes pinchar no seguinte enlace.

curso itinera.jpg

Compartir contido