10/12/2021.

Fabiola García visita á asociación A Creba en Ribeira



A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou este xoves as instalacións da asociación A  Creba en Ribeira, onde destacou o apoio da Xunta ás entidades que conforman Saúde Mental FEAFES Galicia na loita contra os estigmas e tabús que sofren as persoas con problemas de saúde mental.

A Conselleira estivo acompañada pola Concelleira de Cultura de Ribeira, María Sampedro, e foron recibidas polo presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia e A Creba, Xosé Ramón Girón, así como pola directora da asociación, Covadonga Rodríguez, e diversos representantes da xunta directiva da mesma.

Fabiola García lembrou o traballo diario de entidades sociais como A Creba para eliminar os estigmas asociados aos problemas de saúde mental, á vez que axudan ás persoas deste colectivo a gañar autonomía e adquirir novas habilidades. Durante a visita, a conselleira e a  edila puideron coñecer os distintos talleres que se levan a cabo no centro de atención diúrna que a asociación ten en Ribeira, así como coñecer de primeira man os atrancos cos que se atopan na súa actividade diaria coa fin de colaborar na súa mellora.

Fabiola García lembrou, ademais, o compromiso da Xunta con Saúde Mental FEAFES Galicia, a quen destina 1,2 millóns de euros para financiar prazas e programas de atención en diversos lugares do territorio galego. Igualmente, o Goberno galego lembrou a aprobación a través do Sergas do Plan de Saúde Mental  Postcovid o pasado ano, destinado a reforzar as unidades ambulatorias distribuídas por todo o territorio e atender a unha maior demanda.
Compartir contido