18/03/2020.

Autocoidado, rutinas e exercicio: Saúde Mental vs. Covid19

A Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA puxo en marcha en redes a campaña #SaludMentalVsCovid19, que conta coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social. O obxectivo desta iniciativa é concienciar á poboación sobre a importancia de coidar a saúde mental durante o período de illamento provocado polo COVID-19, e que está previsto que se manteña mentres dure o estado de alarma. 

A situación de illamento contén factores de risco que poden provocar un empeoramento da saúde mental, tanto na poboación xeral como naquelas persoas que xa teñen un problema de saúde mental. Por iso, é importante seguir as recomendacións dos e as profesionais da Piscoloxía relativos aos autocoidados. 

“Isto vai ser unha carreira de fondo”, afirma Joseba Rico, psicólogo e subdirector da asociación madrileña AMAFE (Asociación madrileña de amigos e familiares de persoas con esquizofrenia), entidade que pertence á Federación Salud Mental Madrid. “Nos momentos iniciais, que é onde estamos agora, hai moita incerteza”, asegura Rico, polo que “temos que tentar contaxiarnos, no bo sentido, de calma, de responsabilidade, de apoio, de agarimo, e tentar non propagar o pánico”.

Convivencia en illamento e vivir só ou soa

Desde o movemento asociativo de SALUD MENTAL ESPAÑA, indícanse unha serie de recomendacións a ter en conta para coidar a saúde mental neste período de illamento. Joseba Rico afirma que, en caso de convivir con outras persoas, “hai que manter os espazos de intimidade, porque pode ser moi  intrusivo estar 24 horas con quen convivo no domicilio. Unha boa convivencia inclúe tanto o agarimo e a proximidade, como o respecto á intimidade e os tempos de cada persoa”.

No caso das persoas que viven soas, Rico advirte de que “estar só todo o día durante varias semanas pode ser moi complicado para a saúde mental”, polo que recomenda facer uso das novas tecnoloxías (videochamadas, apps, etc.) para estar en contacto con outras persoas. “Mesmo ver os seus rostros é importante”, engade. 

Autocoidado: manterse en ocupación e seguir rutinas

As rutinas son fundamentais nesta situación excepcional que estamos a vivir. “Empezamos a non cumprir horarios, as cousas que temos que facer non as facemos, durmimos peor, comemos peor… É moi importante manter un equilibrio ocupacional que nos axude a estar situados e a vertebrar o día a día tanto coas actividades de lecer como cos autocoidados”, explica Rico.

O subdirector de AMAFE cre que “hai que ter rutinas tanto de autocoidado, como de lecer e das propias responsabilidades (teletraballo, coidado do fogar, etc). Non deixarse levar por unha perda total de horarios que vai ter unhas consecuencias importantes na nosa saúde mental”.

Mayte Marcos, psicóloga e directora técnica de Programas de ASAENES (Asociación de familiares, achegados e persoas con trastorno mental grave de Sevilla), entidade que pertence a Feafes Andalucía Salud Mental, propón pola súa banda “buscar actividades coas que nos sintamos mellor. Conectarse co que realmente importa e facer aquelas cousas que nos gustan e para as que antes non había tempo”.

Saúde física e exercicio

Estar todo o día en casa sen movernos ten o seu impacto na saúde mental. Rico indica que “se estamos todo o día sentados vendo a tele, a calidade do noso soño vaise ver afectada. Hai que facer estiramentos, quen teña posibilidade en casa que faga exercicio. Hai que tentar sacar un intre todos os días para movernos, porque nos vai a axudar na nosa saúde mental e en como durmimos”.

Coidar a hixiene mental: evitar a sobreinformación

Ante a avalancha de información á que a poboación se ve sometida nestes días, tanto en medios de comunicación como nas distintas redes sociais, a recomendación é tomarnos un momento ao día para consultar as novidades, sen estar conectados a todas horas. É importante evitar bulos e buscar sempre fontes de información oficial.

“Por hixiene mental, é recomendable non estar todo o tempo consultando informacións e non alimentar o noso propio medo”, explica Mayte Marcos. “Agora atopámonos nunha fase de impacto e aos poucos entraremos nun proceso de adaptación”, asegura.

A situación de illamento afecta a todo o mundo, pero en poboación con problemas de saúde mental “ese risco aumenta”, segundo Joseba Rico. “Non durmir ben, non coidarse, non comer ben… todo iso ten o seu efecto na saúde mental. As recomendacións son as mesmas para a poboación xeral que para as persoas con problemas de saúde mental, pero téndoas máis en conta. A situación en si mesma provoca máis factores de risco que poden desencadear algún síntoma ou facer que a persoa se atope peor”, advirte o subdirector de AMAFE. Debemos “pensar que estamos a exercer o rol de cidadáns responsables, que estamos a contribuír á sociedade. Que o que estamos a facer ten un sentido, é polo ben común”.


Compartir contido