05/07/2022.

“Empecei a coñecerme a min mesma. Dinme conta de que son unha loitadora”


Cando Belén Germade chegou a Saúde Mental FEAFES Galicia no 2019, atopábase derrotada, afundida. Perdera a súa carreira profesional, a súa independencia, a súa saúde física e mental. “Debido a unha demora diagnóstica de 7 anos perdín o meu traballo, os meus cartos... Nunca me sentira tan fracasada.”

Belén participou no Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade. Alí coñeceu a outras mulleres que se atopaban nunha situación similar e aprendeu a convivir co seu problema de saúde mental.

“Empecei a pensar e a falar de min. Iso levoume a ser consciente das miñas propias opinións, expectativas, pensamentos. Comecei a coñecerme a min mesma e puiden darme conta dos meus logros e fortalezas, de que tiña unha verdadeira capacidade de adaptación. Fun consciente da miña resiliencia.”

Os obradoiros de autoestima e auto coidado, nos que Belén e outras mulleres participaron, teñen como obxectivo que as usuarias afonden no concepto que teñen de si mesmas. Deste modo, indágase nos condicionantes que inflúen na súa autoestima e ofréceselles estratexias para mellorala, sempre desde un clima de aceptación, confianza, seguridade e reforzo.

Belén sentíase atrapada. “Estar aquí axudoume a ver que podía saír da miña situación e superala”. Coñecer as súas fortalezas e logros axudáronlle a recuperar a confianza e afrontar os seus proxectos persoais. “Saber que era a persoa máis loitadora que coñecera obrigoume a recoñecer as miñas capacidades e aptitudes e a desprenderme da miña incapacidade aprendida”.

Respecto a súa situación actual, Belén volveu estudar e conseguiu un título de formación profesional do grado superior en Técnico de Laboratorio. Logro do que se sente moi orgullosa: “Estou intentando reciclarme e recuperar a miña carreira profesional. Estou tomando decisións persoais valentes e mellorando a miña calidade de vida”.

Belén opina que para coidar a saúde mental é fundamental atopar unha actitude positiva que, segundo ela, se pode alcanzar con práctica, esforzo, traballo, constancia e vontade. “Aínda que non poidamos cambiar os nosos diagnósticos, podemos atopar a saúde mental dentro de nos mesmas.”


Compartir contido