SENSIBILIZACIÓN

25N: unha ollada ao mercado laboral

DATA: 22 novembro - 8 decembro

LUGAR: Biblioteca Intercentros Campus de Lugo

PREZO: Gratuito

O vindeiro 25 de novembro conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Dende a Rede TIL, formada polo persoal técnico de inserción laboral de Lugo, queren estar presentes nese día e condenar as discriminacións por sexo que experimentan as mulleres no eido laboral, as cales conforman unha situación de violencia machista escasamente visibilizada. 

Para iso prepararon unha exposición itinerante baixo o título “25N: unha ollada ao mercado laboral”, na cal se amosan as limitacións coas que se atopan as mulleres á hora de acceder e manterse no mercado laboral en igualdade de condicións.

Na sociedade actual, onde a información xoga un crecente papel na articulación da vida económica, social, cultural e política, as exposicións configúranse como unha das manifestacións culturais que permiten a transmisión e difusión de mensaxes, que poden modificar positivamente actitudes e comportamentos da cidadanía.

O obxectivo desta exposición, por tanto, é difundir a situación discriminatoria das mulleres no mercado laboral, contribuíndo e estimulando o debate e a reflexión, ao tempo que se impulsan novas alternativas na procura dunha sociedade mais xusta e igualitaria entre ambos sexos.

A mostra, que se estrutura en 10 paneis con infografías, imaxes e situacións que invitan á reflexión, será inaugurada o venres 22 de novembro ás 12h na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. Poderá visitarse neste emprazamento ata o 8 de decembro e, posteriormente, percorrerá outros espazos aínda por confirmar. 


Compartir contido

MÁIS INFORMACIÓN

900 102 661

Teléfono de atención ao usuario.
Podes chamar para recibir máis información ou para apuntarte.