OCIO E DEPORTES

IX Campionato de Tenis de Mesa

DATA: 10 maio 2019

HORA: 09:00

LUGAR: A Coruña

PREZO:

Saúde Mental FEAFES Galicia celebra, o venres 10 de maio, o IX Campionato de Tenis de Mesa para persoas con problemas de saúde mental. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán dez asociacións federadas procedentes de toda a comunidade autónoma.
 
O torneo terá lugar no Club do Mar de San Amaro de A Coruña ao longo de toda a mañá e nel desenvolveranse unha serie de partidos individuais. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios e, posteriormente, os asistentes celebrarán un xantar de convivencia.

As persoas que participarán no torneo proveñen de distintos lugares da xeografía galega e pertencen a dez asociacións e delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Alba, Alume, Andaina, APEM, Avelaíña, DOA , Lenda, Morea, Saúde Mental FEAFES Galicia e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.

O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, Saúde Mental FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva destas persoas, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a elas.

As actividades de ocio e deportes que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.


Compartir contido

MÁIS INFORMACIÓN

900 102 661

Teléfono de atención ao usuario.
Podes chamar para recibir máis información ou para apuntarte.