04/05/2020.

O programa Incorpora facilita 1.627 empregos en España para servizos esenciais

Incorpora, o programa de inserción sociolaboral da Fundación “la Caixa”, deu unha resposta inmediata á crise derivada do coronavirus. Desde que chegou a pandemia a España e ata a data, facilitou 25 contratacións para empregos de primeira necesidade en Galicia, a través de 20 empresas socialmente responsables

No conxunto de España, facilitáronse 1.627 contratacións para empregos de primeira necesidade no contexto do estado de alarma. Isto foi posible grazas a unha rede de 406 entidades sociais, que conseguiron estas insercións laborais a través de 948 empresas.

A paralización de sectores como a hostalería e a restauración, así como o consecuente aumento das cifras do paro, contrapóñense ao aumento da demanda de persoal en servizos esenciais dos seguintes sectores:

  • Actividades sanitarias e servizos sociais, con prevalencia das actividades de asistencia en centros residenciais
  • Servizos auxiliares, entre os que destacan a limpeza e os servizos integrais a edificios
  • Sector agrario, para as campañas de recollida de froita e verdura
  • Comercio ao por menos e ao por maior
Así, persoas en situacións de alto risco de exclusión convertéronse en traballadores esenciais no desenvolvemento de tarefas en primeira liña da resposta á pandemia: en hospitais e residencias de persoas maiores, persoal de limpeza ou auxiliares de enfermería e xeriatría, e técnicos auxiliares de farmacia e de emerxencias sanitarias; en tendas de produtos de primeira necesidade, vendedores, mozos de almacén e reponedores, así como peóns agrícolas.
       
A crise derivada do coronavirus tamén obrigou a adaptarse ao teletraballo aos 1.072 técnicos de inserción sociolaboral de Incorpora, figuras esenciais pola súa atención personalizada aos usuarios. Este proceso, agora a distancia, inclúe a prospección de empresas, o seguimento do proceso de formación, o acompañamento laboral, a solución dos posibles conflitos que poidan xurdir no marco da relación laboral, e o fomento da adhesión de novas empresas ao programa. 

Incorpora ofrece ás empresas un servizo gratuíto de asesoramento e acompañamento en accións de responsabilidade social para facilitar a integración laboral de persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade, como mozos en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración e exreclusos, entre outros. 

Incorpora 365 días ao ano

Incorpora, o programa de integración laboral de “la Caixa”, facilitou 36.803 postos de traballo a persoas vulnerables ao longo de 2019, fronte aos 32.609 de 2018 (un 13 % máis). Isto foi posible grazas á implicación de 13.613 empresas neste proxecto de responsabilidade social, que xa cumpriu catorce anos desde a súa posta en marcha.

O obxectivo de Incorpora é que as persoas sexan axentes do seu propio cambio para saír de situacións difíciles, centrándose no emprego como forma de inserción social. Para iso, tende pontes entre as empresas e as entidades sociais que se dedican á integración laboral, coa fin de crear un clima de entendemento e colaboración entre ambas as partes que redunde en oportunidades para quen máis o necesitan

Ademais, a través da súa liña de autoemprego, Incorpora apoia a persoas en situación de vulnerabilidade para crear a súa propia microempresa e, na situación actual, intensificando a resposta ás consultas dos emprendedores. En 2019 creáronse 1.356 novas microempresas.


Compartir contido