Skip to main content
Durante os próximos meses, usuarios de FEAFES Galicia formaranse sobre Habilidades Sociais e Laborais no marco do “Proxecto Inclusión Social: Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade por mor de Enfermidade Mental”, que conta cunha liña de actuación centrada no desenvolvemento de destrezas sociais e profesionais para persoas con enfermidade mental.
Estes cursos levarán a cabo nas sedes das delegacións de FEAFES Galicia na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago. A súa duración total é de 32 horas que se dividirán en 8 sesións de 4 días cada unha. Neles, os usuarios aprenderán a superar as dificultades derivadas da enfermidade para mellorar as súas aptitudes básicas e o seu desenvolvemento persoal, adquirindo así mesmo técnicas e estratexias que faciliten o seu acceso ao mercado laboral.
O obxectivo último deste proxecto no campo da promoción do emprego é poñer en marcha un sistema de intervención baseado no asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con enfermidade mental que sexan demandantes de emprego e estean en situación especial de vulnerabilidade ou risco de exclusión social. Este programa pretende favorecer a integración sociolaboral destes usuarios mediante o deseño de itinerarios individualizados para cada un deles.
Ademais deste curso de Habilidades Sociais e Laborais, no marco do Proxecto de Inclusión Social desenvolveranse outras accións formativas como os cursos de Motivación e Técnicas para a Procura de Emprego, que tamén terán lugar nas cinco cidades galegas nas que traballa FEAFES Galicia, e un curso sobre Novas Tecnoloxías Aplicadas á Procura de Emprego que terá lugar en Ourense do 2 ao 10 de marzo.
O Proxecto de Inclusión Social está subvencionado pola Dirección Xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo FEDER/FSE de Galicia 2014-2020, Eixo 2 e tema prioritario 70 -71, no seu obxectivo 9 “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”, cunha taxa de cofinanciamento do 80%.