Skip to main content
Novas

Feafes Galicia súmase á campaña ‘A saúde mental tamén vai contigo’

By 16 de Xaneiro de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

campana_bolsas.jpg

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia sumouse á campaña ‘A saúde mental tamén vai contigo’. O pasado domingo, 15 de xaneiro, Feafes estivo presente no partido de baloncesto que o Obradoiro disputou no Multiusos Fontes do Sar de Santiago de Compostela, co obxectivo de vender entre o público asistente en calendario solidario ‘Xuntos Podemos’, no que participan varios colectivos.

Xunto co almanaque, Feafes regalou a todos os compradores unha bolsa da compra reutilizable coa imaxe do ‘I Concurso de Logotipos sobre a Enfermidade Mental’. Ademais, portan a mensaxe ‘A saúde mental tamén vai contigo’.

Os prexuízos e o descoñecemento sobre os trastornos mentais materialízanse frecuentemente en rexeitamento social, desprezo e discriminación, impedindo a estas persoas o exercicio dos seus dereitos. Feafes Galicia e todas as entidades que están a traballar nesta campaña, recordan que estas situacións afectan tanto á persoa que ten o trastorno e a súa familia coma á sociedade en xeral.

Para loitar contra estas situacións e erradicalas, a Confederación Feafes e a Fundación Astrazéneca impulsaron esta campaña “A saúde mental tamén vai contigo”, e na que tamén se poñerá de manifesto que a saúde mental é unha parte inherente ás persoas, estean diagnosticadas ou non dun trastorno.

Por outro lado, Feafes Galicia continúa coa venda do calendario solidario ‘Xuntos Podemos’, no que participa con outras 11 entidades non lucrativas e en colaboración co equipo de baloncesto C.A.B. Obradoiro. Cada mes do almanaque está dedicado a unha asociación e está ilustrado cunha imaxe dun dos xogadores do combinado santiagués.

No caso de Feafes Galicia, aparece no mes de setembro xunto ao capitán, o arxentino Tuky Bulfoni. As persoas interesadas en adquirir un dos calendarios, que se venden a 5 euros, poden poñerse en contacto con Feafes a través do teléfono 981 554 395.