O director de área de negocio de “la Caixa” en Vigo sur, Gonzalo Talegón, e representantes das oficinas de A Guardia e Baiona, desprazáronse ó local do que dispón Avelaíña nesta última localidade co obxectivo de coñecer de primeira man a súa actividade e facer acto de entrega dunha axuda de 6.000 euros da Fundación Obra Social “la Caixa”.
Esta aportación terá como destino colaborar na remodelación do centro de Baiona, un local cedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social que necesitou un acondicionamento para poder poñer en marcha todos os servizos e programas que Avelaíña leva a cabo na comarca.
Tras a visita, os representantes de “la Caixa” manifestaron a súa satisfacción e a de todos os empregados das oficinas por poder colaborar cunha das principais organizacións sociais do Val Miñor e axudar a que preste unha atención máis axeitada ós seus usuarios. Pola súa banda, Rafa Álvarez, xerente da Asociación, expresou o seu agradecemento a “la Caixa”, xa que esta doazón contribuirá á mellora na atención das persoas con enfermidade mental da comarca.
O labor de Avelaíña
Os programas que leva a cabo a asociación de axuda a persoas e familiares con enfermidade mental Avelaíña son múltiples, como o servizo de rehabilitación psicosocial, os programas de respiro familiar, actividades da vida diaria e servizos de orientación á comunidade.
As persoas afectadas por algunha enfermidade mental acoden a diario ó seu Centro de Rehabilitación, participando en talleres de prensa, informática, formación de adultos, actividades psicofísicas, entre outros. Tamén os seus familiares reciben atención dos profesionais de Avelaíña a través das consultas, do servizo de orientación e a atención domiciliaria.