Skip to main content
A finais do mes de outubro, as psicólogas de Saúde Mental FEAFES Galicia, Cristina Rivas e Sonia Ramos, realizaron unha serie de charlas ao alumnado da Universidade da Coruña para falar da xestión e o manexo do estrés, así como o coidado da saúde mental en tempos de pandemia.
Trátase dunha actividade organizada no marco do convenio de colaboración entre Saúde Mental FEAFES Galicia e a devandita universidade, a través da UDC Saudable, mediante o cal ambas entidades comprométense a traballar conxuntamente no fomento da saúde mental entre a mocidade e o estudantado universitario da Coruña.
A primeira das xornadas tivo lugar o mércores 20 de outubro e foi impartida por Sonia Ramos ao alumnado da Facultade de Ciencias a través da plataforma Microsoft Teams. Baixo o título “Saúde mental en tempos de pandemia”, falouse da promoción da saúde mental positiva en épocas de restricións e resolvéronse dúbidas sobre a abordaxe de diferentes situacións que se poden dar no contexto de pandemia que estamos a vivir: manexo do estrés, tolerancia á frustración, xestión emocional, etc.
A segunda xornada, impartida por Cristina Rivas o luns 25 de outubro, tamén de xeito telemático, tivo por título “Xestión e manexo do estrés”. Neste caso, o alumnado da Escola de Deseño Industrial recibiu información sobre a saúde mental no ámbito universitario e aprendeu a identificar e xestionar as emocións de forma saudable, así como a manexar o estrés, especialmente nun contexto académico.
As persoas que asistiron ás charlas aprenderon tamén hábitos xerais para o coidado da saúde mental, do mesmo xeito que puideron identificar posibles factores de risco. Cuestións como a conciencia dun/ha mesmo/a, a autorregulación ou a motivación son competencias que se abordaron estas xornadas e que determinan o xeito no que afrontamos determinadas situacións. 
Cómpre sinalar tamén que, no marco do convenio de colaboración entre as dúas entidades, Saúde Mental FEAFES Galicia ofrece de xeito continuado información e asesoramento sobre saúde mental ao alumnado da Universidade da Coruña.