Skip to main content
Tras dous anos de parón a causa da COVID-19, os peregrinos e peregrinas de Saúde Mental FEAFES Galicia volven calzar as botas para percorrer o Camiño de Santiago. Desta vez, o traxecto dividirase en catro xornadas que se realizarán varios venres de outubro, novembro e decembro, evitando deste xeito a pernocta pero desfrutando igualmente das paisaxes e a convivencia do camiño.
Así, o pasado venres 29 de outubro, os peregrinos e peregrinas comezaron a súa andaina en Arzúa para percorrer 11 km ata A Salceda. Nas vindeiras etapas pasarán por Santa Irene, Arca, Lavacolla e Monte do Gozo ata chegar, o último día, á esperada Praza do Obradoiro en Compostela.
O grupo de camiñantes está composto por arredor de 25 persoas usuarias, máis os monitores e monitoras acompañantes, pertencentes ás asociacións Doa, Alume, Saúde Mental Ferrol e APEM. Trátase dunha actividade organizada polo Servizo de Lecer e Deporte de Saúde Mental FEAFES Galicia que se realiza por décimo primeiro ano e que conta cunha grande acollida e aceptación.
Un dos principais obxectivos desta iniciativa é amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, loitando así de modo activo contra o estigma social que sofren. Ademais, o Camiño de Santiago permite que as persoas con problemas de saúde mental realicen exercicio físico, socialicen e gocen de actividades colectivas.