O 3 de febreiro, de 10:00 a 14:00, a Casa da Cultura de Cee acollerá a II Xornada “A Inclusión Social e Educativa” organizada polo Servizo de Información e Orientación Laboral do Concello de Cee. Neste encontro, distintas entidades compartirán diversas experiencias e coñecementos sobre os dereitos das persoas con discapacidade e o seu proceso de inclusión nos diversos ámbitos da sociedade.
Entre elas, ás 10:30 intervirán un grupo de usuarios dos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral que ten a asociación APEM en Cee e en Vimianzo, nomeadamente Almudena González, Mª Lourdes Rial, Francisco José Martín, Marcos Traba e Manuel Bermúdez, que presentarán a ponencia “Un mundo de oportunidades: experiencias inclusivas en APEM”.
Ademais dos compañeiros da asociación coruñesa de saúde mental, intervirán membros de Fademga Plena Inclusión Galicia para falar da Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con discapacidade, a Federación Autismo Galicia para abordar o proceso da inclusión educativa á inclusión social e a asociación Aloumiños para debater se a inclusión é un dereito ou un deber.
ASPADEX, pola súa banda, falará da inclusión sociolaboral de persoas con discapacidade intelectual, a asociación Integro abordará o tema da sensibilización como ferramenta permanente da educación e COGAMI, pola súa parte, presentará o papel da formación como ferramenta de apoio para o emprego. A xornada será inaugurada polo alcalde de Cee, Ramón Vigo Sambade, e a clausura correrá da man da Concelleira de Presidencia, Benestar Social, Igualdade e Emprego, Pilar Iglesias Lema.
Aquelas persoas que queiran ampliar información ou inscribirse á xornada, deberán poñerse en contacto co Servizo de Información e Orientación Laboral do Concello de Cee a través do teléfono 981 745 100 ou do email orientacion.laboral@concellocee.es.