Skip to main content
O Fórum Metropolitano de A Coruña acollerá a III Xornada de Teatro e Saúde Mental, un encontro organizado pola asociación APEM no que participarán cinco asociacións de saúde mental procedentes de toda Galicia. Esta actividade permite, entre outras cousas, afondar e incentivar o emprego do teatro como ferramenta terapéutica e de desinhibición, a través da cal as persoas con problemas de saúde mental poden expresar sentimentos, situacións e sensacións.
A xornada terá lugar o martes 17 de outubro de 10:00 a 19:00. As asociacións Doa (Cangas), Andaina (Dodro e Ordes), Avelaíña (A Guarda), A Mariña (Burela) e Apem (A Coruña e Carballo) serán as encargadas de interpretar un total de sete funcións nas que os protagonistas son os propios usuarios das asociacións. 
A temática e posta en escena das obras inclúe todo tipo de estilos, dende funcións de contido sensibilizador como o buying ata parodias musicais e adaptacións de comedias clásicas. Pobos que se sublevan contra romanos opresores, hoteis disparatados ou microteatro sobre a vida cotiá son outros dos temas e formatos que poderemos atopar na III Xornada de Teatro e Saúde Mental.
Trátase de espectáculos preparados nos grupos de teatro das entidades, onde os usuarios traballan dende o texto ata a construción dos personaxes, a posta en escena e o decorado, elaborado por eles mesmo nos talleres das asociacións. Deste xeito, as persoas con problemas de saúde mental poñen en marcha diferentes manifestacións artísticas e fomentan a creatividade como medio de expresión e diversión.
O obxectivo deste encontro, no que se estima unha participación de arredor de 200 persoas, é compartir unha xornada lúdica e creativa onde superar os estigmas das enfermidades mentais mediante o contacto e o intercambio de experiencias entre as distintas asociacións. Ademais, este tipo de actividades permiten poñer de manifesto o traballo, talento e creatividade das persoas con problemas de saúde mental, facendo fincapé nas súas capacidades e normalizando a percepción social que hai cara elas.