A asociación de axuda ao enfermo mental “A Mariña” celebra inauguración oficial da súa unidade residencial, en Cervo (Lugar da Bidueira, na Estrada Sargadelos), que conta con 25 prazas para persoas con enfermidade mental de entre 18 e 65 anos.
O acto celebrarase a partir das 13 horas e contará coa presenza da conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; o alcalde de Cervo, Alfonso Villares; a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez; o director xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Ruibal; e D. Antonio Crespo Iglesias, Director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
Xunto a eles estarán a Presidenta da asociación A Mariña, María Iris Castro; a directora técnica Xeral de A Mariña, María José Nóvoa; o presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (Feafes Galicia), Xosé Ramón Girón; e o director de Feafes Galicia, Antonio Hernández.
O acto comezará coa descuberta da placa conmemorativa por parte da conselleira de Traballo e Benestar. A continuación, a diretora de A Mariña fará unha visita guiada polas instalacións, que rematará coa intervención das diferentes autoridades. Para finalizar, celebrarase un ágape de confraternidade.
Esta unidade residencial supón un salto cualitativo na atención ás persoas con enfermidade mental, xa que ata o momento a provincia de Lugo non dispoñía dun centro destas características. En toda Galicia, tan só hai tres residencias destes tipo en A Peroxa (Ourense), Cee (A Coruña) y Vilagarcía (Pontevedra).
Este Centro de Cervo conta con 25 prazas residenciais, 10 concertadas co ServizoGalego de Saúde e 15 privadas. Ademais, ten 50 prazas para centro ocupacional.
O obxectivo da asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña é manter á persoa con enfermidade mental no contorno comunitario, dar apoio ás familias e prestar servizos de rehabilitación psicolóxica e social, mediante unha atención integral (psicolóxica, social e ocupacional).