A Asociación de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais (Afaes) Porta Nova está a realizar os trámites para o seu cambio de nome seguindo a tendencia marcada pola Confederación Salud Mental España e por Saúde Mental FEAFES Galicia.
O obxectivo é remarcar a positividade do seu traballo, que se enfoca na defensa da saúde mental en diferentes ámbitos como o social, educativo, sanitario ou legal, entre outros.
Por iso, o nome elixido manterá a demarcación territorial no ámbito da área sanitaria pasando a denominarse Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal.
Balance do ano
O cambio de nome da entidade é un tema que se tratou na asemblea xeral de socios celebrada no mes de xuño pero, á marxe disto, a asociación estivo inmersa nun gran número de actividades e talleres.
Así, por exemplo, iniciaron xunto a Aspaneps o proxecto “Sumando capacidades, xerando oportunidades”, subvencionado por Obra Social “laCaixa”, que desenvolveu a súa primeira fase durante o pasado mes de febreiro.
Ademais, puxeron en marcha un taller de cociña grazas á colaboración de Gadisa e en marzo realizaron unha charla sobre saúde bucodental, entre outras cousas.
Entre aquelas actividades que están por vir destaca a celebración do Día Mundial da Saúde Mental o próximo 10 de outubro. Igual que en anos anteriores, Afaes levará a cabo actos de tipo divulgativo, formativo e de sensibilización social, como unha carreira solidaria en Narón.