Skip to main content
Andaina Pro Saúde Mental é unha asociación sen ánimo de lucro que naceu no ano 2010 para cubrir o baleiro existente na atención global ás persoas con trastorno mental e as súas familias na zona da área sanitaria de Compostela, centrándose especialmente no ámbito rural das comarcas Ulla-Sar e Ordes. 
A asociación está formada por persoas con enfermidade mental e familiares, así como por un grupo de profesionais: traballadora social, psicólogo, educadora, médicos con experiencia no campo da saúde mental e voluntarios. Actualmente teñen locais en Ordes e en Dodro, onde desenvolven un amplo abano de servizos e actividades para o colectivo ao que atende.
Coa fin de celebrar os seus primeiros 5 anos de vida, Andaina realizará unha festa o sábado 26 de setembro ás 17:00 na Casa da Cultura de Ordes (Rúa Galicia nº25). Esta celebración contará cunhas palabras da presidenta da asociación, Omaira Tuirán, así como dun usuario e un familiar que contarán a súa experiencia de participación nas actividades da entidade. 
A continuación, os asistentes disfrutarán dunha preestrea da obra de teatro “Romeo e Xulieta” que están a preparar os usuarios de Andaina para as Xornadas de Teatro que terán lugar o vindeiro 16 de outubro. A festa continuará cunha interpretación musical e despois haberá pinchos e música no centro de Andaina en Ordes, situado ao lado da Casa da Cultura.
Para achegarse ao aniversario de Andaina, é preciso confirmar asistencia a través do enderezo electrónico andainapsm@gmail.com ou chamando por teléfono aos números 650 270 824/ 698 149 915.