Skip to main content
Durante a primeira quincena de novembro, as orientadoras laborais de Saúde Mental FEAFES Galicia na Coruña e en Santiago, Cristina Rivas e Eva Varela respectivamente, impartiron un taller a persoas usuarias que se atopan en situación de desemprego e que están en busca activa de emprego.  
Consistiu nunha sesión de 3 horas sobre como afrontar unha entrevista de traballo, coa fin de aumentar as posibilidades de superación de entrevistas laborais por parte das persoas participantes, mellorando as súas habilidades e os recursos persoais que deben poñense en práctica nestas situacións. A acción formativa tivo lugar o 9 de novembro en Coruña e o 10 de novembro en Santiago de Compostela.
Estes talleres combinaron a exposición teórica dos contidos coa realización de actividades prácticas. Así, explicáronse as distintas partes das que consta unha entrevista, a súa estrutura, os contidos máis habituais, os tipos de entrevistas que existen, etc. Ademais, facilitáronse pautas para a súa preparación, posibles preguntas e como mellorar a linguaxe verbal e non verbal durante as mesmas.
Estas sesións foron organizadas polo servizo de inserción laboral e emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia no marco das súas accións de información, orientación e busca de emprego, financiadas pola Consellería de Emprego e Igualdade a través do Servizo Público de Emprego de Galicia.