Skip to main content

O I Encontro Bilateral de Entidades de Rehabilitación Psicosocial e Saúde Mental de Galicia e o Norte de Portugal tivo lugar o pasado 3 de outubro no Centro Hospitalario Conde de Ferreira (O Porto). Organizado pola Rede de Apoio á Rehabilitación Psicosocial para Persoas con Enfermidade Mental na Área Metropolitana do Porto (RARP-AMP), contou coa participación de institucións e entidades galegas como FEAFES Galicia.

A actividade da RARP-AMP céntrase en articular distintos axentes do sector social para crear un sistema potente e innovador de coidados de rehabilitación e de atención á saúde mental. Neste senso, decidiu organizar este encontro de posta en común e intercambio transfronteirizo coa fin de mellorar as respostas que teñen hoxe en día as persoas con enfermidade mental.

A sesión de apertura correu da man de Antonio Tavares e de Ponciano Oliveira, que destacaron a novidade da iniciativa e indicaron que os seus grandes obxectivos son a posta en común de experiencias e coñecementos por parte dos profesionais de saúde de Galicia e do Norte de Portugal. Nesta introdución tamén desafiaron ás institucións dos dous lados da fronteira a dar continuidade a estes proxectos de cooperación, garantindo que as entidades públicas non deixen de ter o papel que lles é esixido nestes ámbitos.

Despois da sesión de apertura, o debate foi animado polas intervencións de Manuel Arrojo, Coordinador de Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde; Xosé Ramón García, Presidente de FEAFES Galicia; Adrián Gramary, Psiquiatra do CHCF e membro da Comisión Coordinadora da RARP-AMP e Antonio Marques, membro da Comisión Coordinadora do RARP-AMP e responsable del laboratorio de Rehabilitación Psicosocial. Entre as personalidades presentes no Encontro, tamén estivo a Directora da Axencia Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal, María Geraldes.

Este I Encontro rematou cunha reunión de traballo entre as entidades galegas e portuguesas relacionadas coa rehabilitación psicosocial, de onde saíu un primeiro documento de compromisos mínimos, así como a decisión de realizar encontros luso-galaicos cunha regularidade bienal. Tamén foi proposta a creación de Proxectos de Cooperación no ámbito da Mobilidade e Capacitación para a Reabilitación Psicosocial de Doentes, Técnicos e Familiares. 

encuentro bilateral post.jpg