Skip to main content
Novas

Feafes Galicia estrea nova páxina web

By 11 de Xaneiro de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) acaba de estrear novo deseño na súa páxina web, www.feafesgalicia.org. O portal renovouse totalmente e agora mostra unha imaxe innovadora, cunha navegación moito máis intuitiva e contidos adaptados aos diferentes públicos aos que vai dirixida.

A web conta con diferentes seccións, como “Coñécenos”, “Saúde Mental”, “Servizos”, “Actividades”, “Documentación” ou “Noticias”. A través delas explícase a historia, a estrutura e todos os servizos que ofrece a federación. Así mesmo, pódense consultar a través dun mapa da comunidade autónoma os datos de contacto de todas as asociacións que integran Feafes Galicia.

O portal tamén resolve todas as dúbidas sobre saúde mental que poidan ter persoas con enfermidade mental, familiares, profesionais, estudiantes ou outras entidades. Ademais, a través da páxina pódense descargar un amplo abano de documentos, así como acceder ás webs de outros organismos relacionados coa saúde mental e a atención á discapacide. Tamén se poden ler as últimas noticias sobre Feafes Galicia e consultar as próximas actividades programadas.

A páxina, dispoñible en galego e castelán, contará proximamente cunha versión en inglés. Ademais, en breve terá habilitada unha sección para que as persoas interesadas poidan realizar unha doazón puntual ou periódica a través da rede e de maneira moi sinxela.

Situación actual da saúde mental
A nova web de Feafes Galicia supón un paso máis para a visibilización das persoas con enfermidade mental, xa que este é un colectivo que padece unha gran estigmatización. Estas barreiras danse nos ámbitos social, laboral e sanitario. De feito, segundo un estudo recente, de cada 100 euros que os gobernos invirten en sanidade en España, só o 5% está destinado ás enfermidades mentais.

Esta situación dase a pesar da elevada carga asistencial destas patoloxías. No caso de Galicia, hai máis de 39.000 persoas con certificado de minusvalía a causa dunha enfermidade mental. A nivel estatal, suman o 30% das discapacidades, mentras que os tumores malignos e as doenzas cardiovasculares só representan o 15% e o 12%, respectivamente.

A isto súmase a súa alta prevalencia, xa que unha de cada catro persoas padecerá unha enfermidade mental ao longo da súa vida, sendo na actualidade a causa do 40% das patoloxías crónicas. En concreto, un 1% da poboación ten esquizofrenia e o trastorno bipolar afecta a máis do 2%. A pesar destas cifras, o investimento na investigación das enfermidades mentais representa un 25% do que se destina a estudar as doenzas oncolóxicas.

Feafes Galicia
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é una entidade sen ánimo de lucro, creada en 1995 e que actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, con centros e servizos e 28 localidades.

O seu obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e a dos seus familiares. A través dos recursos de Feafes Galicia atende a un total de 2.750 persoas.

A entidade ofrece gratuitamente unha serie de servizos para mellorar a calidade de vida deste colectivo e defende os seus dereitos e necesidades. Ademais, asesora e representa ao movemento asociativo e leva a cabo campañas antiestigma e de sensibilización sobre a enfermidade mental.