Skip to main content

Onte, 7 de xaneiro de 2015, os representantes de FEAFES Galicia e da Cruz Vermella Española en Galicia, reuníronse para asinar un convenio de colaboración entre ambas entidades. Este acordo ten como obxectivo aunar esforzos e deseñar proxectos conxuntos que permitan promover e posibilitar a integración social de colectivos con dificultades. 

A través deste acordo, FEAFES Galicia e a Cruz Vermella Española en Galicia deixan patente a súa vontade de coordinar recursos, coñecementos e experiencias para impulsar proxectos de mellora da atención ás persoas sen teito ou en grave risco de exclusión social que padecen unha enfermidade mental.

Deste xeito, os recursos de Cruz Vermella de atención a persoas sen fogar nas provincias e cidades galegas estarán comunicados e coordinados coas delegacións de FEAFES Galicia e o seu programa de acompañamento social para persoas con enfermidade mental que viven na rúa. 

Dita coordinación realizarase a dous niveis, un autonómico e outro entre os equipos que interveñen en cada cidade. Articularase para isto un protocolo de derivación sinxelo e operativo, do mesmo xeito que se establecerán reunións de seguimento e intercambio de información dos casos que sexan precisos.

Ambas entidades colaborarán ademais en accións formativas sobre enfermidade mental e exclusión social dirixidas tanto a profesionais e voluntariado de ambas entidades como ás propias persoas afectadas. 

Todas estas accións, máis aquelas de calquera outra natureza que se poidan desenvolver no marco desta colaboración, irán dirixidas á promoción da inserción social e á atención das persoas sen fogar ou en grave risco de exclusión social  con enfermidade mental coa fin de articular unha atención máis completa e coordinada para este colectivo.

convenio cruz vermella.jpg