A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) están a desenvolver un ano máis o Seminario Xornalismo social e cooperación internacional.
As bases da cooperación e a comunicación para o desenvolvemento, as boas prácticas informativas respecto dos colectivos en risco de exclusión e os discursos alternativos en torno aos países do Sur son algúns dos temas que aborda o programa deste seminario, que inclúe ademais unha expedición a Marrocos onde tres estudantes traballarán con organizacións locais.
O curso está impartido por profesionais do Terceiro Sector galego, investigadores e xornalistas especializados, afondando entre outras cousas no tratamento mediatico da inmigración, o xénero, a discapacidade ou a enfermidade mental. Tamén teñen cabida o xornalismo con enfoque de Dereitos Humanos e o xornalismo ambiental.
O xoves 21 de abril, a responsable de comunicación de FEAFES Galicia interveu neste seminario para falar de saúde mental e medios de comunicación. Ana Escrigas deu a coñecer distintas campañas de sensibilización, falou do tratamento mediatico da saúde mental e presentou un manual de boas prácticas para que os xornalistas saiban como abordar estes temas nos medios de comunicación.
A ponencia tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, que colabora coa iniciativa. O curso conta cunha duración total de 40 horas e está dirixido tanto a xornalistas como a alumnado de Ciencias da Comunicación. O obxectivo do seminario é capacitar aos comunicadores e a futuros comunicadores no coñecemento da comunicación social e, máis concretamente, da comunicación para o desenvolvemento, impulsando así a difusión, promoción, denuncia e educación en materia de cooperación e solidariedade.