Skip to main content
Novas

Membros do Comité de Persoas con Enfermidade Mental asisten a un curso de formación de voceiros

By 31 de Agosto de 2012Novembro 13th, 2022No Comments

Tres integrantes do Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Feafes Galicia realizarán no mes de setembro un curso de formación de voceiros, impartido pola Confederación. As clases terán lugar en Madrid os días 14 e 15 de setembro e complementaranse con actividades online a distancia.

Concretamente, o curso leva por título “As relacións cos medios de comunicación. A figura do voceiro” e está orientado a formar persoas con enfermidade mental e familiares como representantes do movemento asociativo de cara á inminente conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, para que poidan actuar como voceiros da súa propia historia ante os medios de comunicación.

É importante destacar que a Estratexia de Comunicación da Confederación FEAFES, aprobada en decembro de 2011 pola Xunta Directiva, considera a cuestión da figura do voceiro como unha dos principais temas para mellorar a relación da entidade cos medios de comunicación.

Formación de voceiros
Ademais deste curso, os membros do Comité de Persoas con Enfermidade Mental de Feafes Galicia xa realizaron no mes de setembro unha actividade formativa para mellorar o funcionamento deste organismo, titulada A Comunicación e o Traballo en Equipo.

Nesta xornada formativa, unha educadora social e unha psicóloga de Feafes Galicia encargáronse de explicarlles técnicas para mellorar as habilidades de comunicación, de resolución de conflitos e toma de decisións e de traballo en equipo.