Skip to main content

O 7 de xullo celebrouse unha nova edición do Torneo de Fútbol Sala “Todos polo fútbol” e a final da liga “A Nosa Champions”

     

O venres 7 de xullo ás 9h30 da mañá, o pavillón de Fontiñas en Santiago de Compostela xa comezaba a espertar coa chegada dos primeiros equipos participantes no XIV Campionato de Fútbol Sala de Saúde Mental FEAFEAS Galicia. Este torneo é o cumio da liga “A Nosa Champions”, que aproveita tamén este evento para celebrar a súa gran final entre os dous líderes dos grupos norte e sur.

Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Avelaíña (Ponteareas), FEAFES Vigo e FEAFES Santiago foron os equipos que se deron cita este ano no encontro deportivo, que tamén acolleu a outras persoas usuarias das asociacións e a familiares e persoas achegadas dos xogadores.

Despois de toda unha mañá de encontros clasificatorios nunha disputada fase de grupos, ás 13h45 chegaron as semifinais. Alba resultou gañadora do primeiro encontro da fase de semis fronte ó equipo de FEAFES Santiago. No segundo encontro, a asociación DOA conseguiu o pase á final cun gol no último minuto fronte a FEAFES Vigo.

   

A final decidiuse nos penaltis

Tras as semifinais, fíxose unha merecida parada para recargar enerxías e comer antes da esperada final, que tivo lugar ás 16h30. Alba e Doa ofreceron un espectáculo de calidade, nun encontro moi axustado que rematou co marcador empatado a tres goles por cada equipo. Finalmente, nunha intensa quenda de penaltis, Doa alzouse co primeiro posto deste XIV Torneo de Fútbol Sala “Todos polo fútbol”.

   

A entrega de premios, facilitados polo Concello de Santiago de Compostela, correou da man do presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, a Concelleira de Deportes, Pilar Lueiro; a Responsable do Dpto. de Proxectos de Saúde Mental FEAFES Galicia, Carina Fernández; e o Concelleiro, José De la Mata. Os catro equipos que encabezaron a clasificación recibiron un trofeo como recoñecemento: en primeiro lugar DOA (Vigo e Cangas), en segundo lugar Alba (Pontevedra), e en terceiro lugar FEAFES Santiago e FEAFES Vigo. Ademais destes galardóns, todos os xogadores recibiron unha medalla pola súa participación.

Rematada a xornada, tan só nos queda agradecer a asistencia e boa disposición de todos os equipos participantes, así como das estupendas afeccións que animaron o campionato durante todo o día

Lenda, equipo líder de “A Nosa Champions”

Ademais do Torneo de Fútbol Sala, no encontro celebrouse tamén a ansiada final da liga “A Nosa Champions”. Esta competición, creada por Saúde Mental FEAFES Galicia e iniciada no pasado mes de xaneiro, está organizada pola Real Federación Galega de Fútbol a través da Fundación do Fútbol Galego e conta co patrocinio de Saunier Duval.

Na final enfrontáronse os equipos de Lenda, campión do grupo norte; e Alba, campión do grupo sur. Tras un intenso encontro, que deixou xogadas de gran calidade e moitos goles, resultou gañador o conxunto de Lenda cun resultado de 9-3

Na entrega de premios, que facilitou a Federación Galega de Fútbol, participaron o Director de Saúde Mental FEAFES Galicia, Antonio Hernández; o Presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán; o Presidente del Comité Galego de Fútbol Sala, Pablo Prieto; o Vicepresidente da Federeación Galega de Fútbol, Javier Garcia; e a Delegada da Federación Galega de Fútbol, Silvia Cancela. Durante a final, tamén estivo presente Marcos Ordóñez, representante de Saunier Duval, patrocinador da liga “A Nosa Champions”.

Un evento integrador e normalizador

Tanto esta xornada como a liga, organizada polo servizo de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, teñen como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofren. A través desta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións amosan á sociedade unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a elas.

As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.

Coa colaboración de: