Fai uns anos, Carlos Morales, informático de profesión e músico de paixón, puxo en marcha un proxecto artístico que pretendía dar a coñecer os problemas de saúde mental a través da música. Así naceu Disorders, un disco que contén cancións escritas por persoas que coñecen esta realidade en primeira persoa e que contan a súa experiencia cos problemas de saúde mental.
Sen embargo, Disorders non tardou en tomar vida propia e converteuse nun proxecto artístico multidisciplinar que tamén inclúe debuxos e pinturas realizadas por persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións DOA e A Mariña. Así, tanto a portada do disco como os debuxos que ilustran as cancións do libreto, tamén están feitas por persoas con problemas de saúde mental.
Neste marco, no Nadal púxose en marcha unha campaña de micromecenazgo coa fin de dar visibilidade ao proxecto e conseguir financiamento para a elaboración do disco e do merchandising. Ademais, as persoas que facían as súas doazóns na devandita campaña podían recibir a cambio diversas “recompensas”, moitas delas elaboradas por persoas usuarias das asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia.
Unha vez recadado o diñeiro necesario para o proxecto, Carlos Morales decidiu doar a recadación sobrante a Saúde Mental FEAFES Galicia para colaborar no financiamento de programas e proxectos que melloran a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental.
A pasada semana, Carlos Morales fixo entrega desta doazón que suman a cantidade de 1.574€. Dende Saúde Mental FEAFES Galicia queremos agradecer enormemente a colaboración e a solidariedade de Carlos Morales e de todas as persoas que fixeron as súas doazóns a través desta campaña.