Skip to main content
O Proxecto Practicum, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, fomenta a realización de prácticas non laborais en empresas por parte de persoas con problemas de saúde mental. Grazas a el, este colectivo pode mellorar as súas competencias laborais, acostumarse a un entorno de traballo e coñecer de primeira man un posto concreto. 
O pasado 17 de decembro celebrouse o acto de clausura deste programa no salón de actos da Deputación de Pontevedra en Vigo. Acudiron Dona Isaura Abelairas, concelleira de Servizos Sociais de Vigo, e Don Leopoldo Robla, membro da Xunta Directiva de Saúde Mental FEAFES Galicia e presidente da asociación DOA. Estiveron acompañados por representantes das empresas que colaboraron no programa, así como as 20 persoas que se beneficiaron do mesmo. 
Durante o acto, interviñeron os responsables de Contactnova e Solo Saludable, que explicaron como se desenvolveu o proceso de acollida e de formación das persoas que realizaron prácticas nas súas empresas. Falaron tamén do posterior proceso de inserción laboral, que contempla accións de seguimento por parte da entidade tanto aos participantes como aos seus respectivos titores nas empresas. 
A continuación, dúas participantes no proxecto, Olaya e Mar, contaron a súa experiencia como beneficiarias das prácticas non laborais nas que posteriormente lograron un contrato de traballo. Este ano, 13 das 20 persoas que participaron no programa conseguiron lograr un contrato laboral, alcanzando así un índice de 65% de inserción laboral.