Skip to main content

O acceso ao traballo maniféstase como un obxectivo con enormes dificultades para as persoas con problemas de saúde mental, sendo o desemprego e a marxinación do mundo laboral unhas das maiores desvantaxes sociais que sofre este grupo de persoas. Para facer fronte a esta dificultade e dar resposta ás necesidades das persoas con problemas de saúde mental demandantes de emprego, Saúde Mental FEAFES Galicia conta cun Servizo de Orientación Laboral dende o ano 2002 que naceu como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e conta co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Para coñecelo máis de preto, o pasado luns 26 a Directora Xeral de Formación para o Emprego e Orientación Laboral, Zeltia Lado, visitou as instalacións da delegación de Saúde Mental FEAFES Galicia en Santiago. Alí, tivo a oportunidade de falar co persoal técnico e directivo da entidade e cunha persoa usuaria que lle contou a súa experiencia persoal de acceso ao emprego a través do servizo de orientación laboral.
Nesta conversa, destacouse a importancia de traballar as habilidades prelaborais como antesala á busca de emprego, unha necesidade frecuente que teñen as persoas con problemas de saúde mental para achegarse ao mercado laboral cunha estabilidade psicolóxica e unhas habilidades sociolaborais axeitadas. A Directora Xeral destacou, así mesmo, o papel clave que ocupa o traballo no desenvolvemento persoal, na integración social e na consecución dunha vida independente para calquera persoa, canto máis para as que teñen un problema de saúde mental.
Con este servizo de Orientación Laboral, Saúde Mental FEAFES Galicia pretende mellorar a empregabilidade e a cualificación das persoas con problemas de saúde mental dun xeito individualizado e integral, que inclúe dende a análise das motivacións e capacidades da persoa ata o acompañamento posterior no posto de traballo. Case vinte anos despois á súa posta en marcha, no 2021 con 10 orientadores e orientadoras laborais especializadas que atenderon a 881 persoas nas catro provincias, logrando que 197 delas accedesen a 338 contratos de traballo.