A primeira cita será o domingo 14 ás 11:00 na Casa Museo Pablo Picasso (Rúa Payo Gómez nº 14, 2º), onde os membros do Club de Ocio gozarán dunha visita guiada de balde grazas á cal coñecerán a vida do pintor na cidade herculina.
A visita durará unha hora aproximadamente, despois da cal se desprazarán ata o paseo marítimo para facer un percorrido a pé ata os merendoiros da Torre de Hércules e disfrutar alí dun xantar todos xuntos.
A segunda cita terá lugar o domingo 28 ás 11:00 e o lugar de encontro nesta ocasión será a Casa das Ciencias (Parque de Santa Margarita s/n). Durante unha hora poderán gozar dunha sesión en directo no Planetario, onde lles explicarán cómo estará o ceo durante este mes e qué estrelas e constelacións se poderán ver. Para rematar a estancia no Planetario, haberá unha proxección do documental “Noite estrelada no museo” que lles permitirá mergullarse no mundo da astronomía.
A continuación, de 12:00 a 13:00, os membros do Club de Ocio de FEAFES Coruña visitarán o propio museo da Casa das Ciencias despois do cal comerán nos merendoiros do Parque de Santa Margarita.