Este xoves 28 de agosto ás 11:00, o Subdirector Xeral de Voluntariado e Participación, Alberto Otero Peña, visitará as instalacións de FEAFES Galicia en Santiago de Compostela. Nesta visita poderá coñecer de primeira man cómo se desenvolve o traballo da entidade no seu día a día e reunirase con varios representantes e traballadores da entidade, entre os que estarán o seu director, Antonio Hernández, e o coordinador do programa de voluntariado, Miguel Eiroa. Ademais, contaremos coa presenza dun voluntario que participa no programa “Cultura e Ocio para persoas con enfermidade mental e respiro familiar” que falará da súa experiencia persoal.
O director da entidade exporá ante o Subdirector Xeral a situación da entidade e a realidade da enfermidade mental en Galicia, que afecta actualmente a máis de 41.500 persoas. A continuación, Miguel Eiroa presentará as actividades realizadas e os resultados obtidos a través do programa “Cultura e Ocio para persoas con enfermidade mental e respiro familiar” que leva a cabo FEAFES Galicia. Finalmente, será o voluntario Rodrigo Blanco quen falará en primeira persoa das experiencias vividas grazas á súa participación neste proxecto e exporá os beneficios que ofrecen as actividades de ocio e tempo libre para o colectivo de persoas con enfermidade mental.
Ocio, cultura e saúde mental
As persoas con enfermidade mental cargan con grandes lacras na súa vida diaria: unha concepción negativa e estigmatizada por parte da sociedade, grandes dificultades para a inserción social e laboral e insuficientes recursos na atención á saúde mental. As actividades para o goce do tempo libre organizadas por FEAFES Galicia permiten mellorar a calidade de vida destes individuos e facilitan a súa plena integración social.
Mediante a realización de ocio e deportes, as persoas con enfermidade mental rompen coa rutina diaria, realizan actividade física, enriquécense culturalmente, socializan, adquiren autonomía e intégranse na sociedade. Á súa vez permite un respiro ós familiares na súa tarefa de coidadores, xa que poden gozar de máis tempo libre e mellorar así o ambiente familiar.
A través do programa “Cultura e Ocio para persoas con enfermidade mental e respiro familiar”, organízanse actividades tales como o Camiño de Santiago, saídas de ocio as fins de semana, estancias vacacionais, actividades deportivas, excursións e viaxes. Para a realización destas actividades é fundamental a colaboración de voluntarios, que ademais de enriquecerse co contacto con este colectivo, tamén axudan a desfacer os falsos prexuízos que ten a cidadanía de cara estas persoas.