Compromiso nos orzamentos e planificación estable, coordinación entre as administracións públicas e as organizacións sociais, loita contra as causas da pobreza e a inclusión activa que supere o asistencialismo, son as tres demandas que os profesionais e voluntarios das organizacións sociais reclaman para reducir substancialmente o 23,8% da poboación galega que en 2014 estaba en pobreza ou exclusión, 654.000 persoas.
Esta será a clave do V Foro sobre Pobreza, Exclusión Social, Terceiro Sector e Voluntariado que terá lugar o 24 de novembro en Santiago de Compostela e está organizado pola Rede Galega contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia), a Coordinadora galega ONG e o Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI Galicia), en colaboración co Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC.
Como en edicións anteriores, este V Foro pretende contribuír á capacitación dos asistentes en aspectos relacionados coa inclusión activa e o acceso a recursos de calidade, ademais de visibilizar a realidade da desigualdade, a pobreza e a exclusión social en Galicia. Incidirá na importancia que teñen o terceiro sector e o voluntariado na implantación de políticas de inclusión social activa, sempre favorecendo o debate en positivo de propostas que melloren a actuación en procesos de inclusión social.
Coñecer experiencias positivas de coordinación noutras comunidades ou as demandas que se expoñen dende as organizacións sociais para as próximas eleccións xerais, analizar propostas de mellora e debater de maneira construtiva entre os representantes políticos e técnicos, fomentar a formación e o diálogo entre profesionais e voluntarios en aspectos como a renda de inclusión social de Galicia (RISGA), a difícil relación entre inclusión e emprego ou a pobreza que afecta ás 53% familias dunha nai e os seus fillos, son algúns dos temas que se tratarán no Foro.
A inscrición ao foro é gratuíta e, dado que as prazas son limitadas, é necesario apuntarse antes do 22 de novembro a través desta ligazón.
Unha Ágora para o coñecemento rápido de propostas innovadoras
Dentro do programa do V Foro e tras o éxito da anterior edición, levarase a cabo a segunda Ágora do Terceiro Sector e Voluntariado, onde once organizacións sen fins de lucro ou empresas de economía social exporán, durante 15 minutos e ante un auditorio reducido de persoas interesadas, proxectos innovadores na loita contra a pobreza e a exclusión social. As entidades participantes terán 6 minutos para falar da súa idea e outros 9 para interactuar cos interesados.
Exporanse propostas relacionadas coa inclusión social, o traballo en rede entre organizacións e universidades, o software libre, o fomento do comercio xusto ou o uso das novas tecnoloxías e as redes sociais na loita contra a exclusión social.
Podes consultar o programa do foro nesta ligazón.