Skip to main content
Hoxe chegaron a Compostela os 55 peregrinos de FEAFES Galicia que realizaron o Camiño de Santiago, entre os que se atopan persoas con enfermidade mental, monitores e familiares. Tras admirar a Catedral e dar unha volta polos seus arredores, ás 13:00 foron recibidos no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por Concha Fernández, concelleira de Políticas Sociais, así como por outros membros da corporación municipal.
A concelleira deu a benvida aos peregrinos e felicitounos por levar a cabo unha iniciativa tan saudable e que permite visibilizar ao colectivo de persoas con problemas de saúde mental. Na recepción tamén interveu Antonio Hernández, director de FEAFES Galicia, e un dos peregrinos que explicou, en primeira persoa, o beneficiosa que resulta esta experiencia e o importante que é loitar contra os obstáculos cos que se atopan as persoas con enfermidade mental no seu día a día.
O Camiño de Santiago é unha actividade organizada por FEAFES Galicia que, tras a gran aceptación e participación que recibiu nas anteriores edicións, realizouse esta vez por sétimo ano consecutivo. Nesta ocasión, os peregrinos pertencen ás asociacións Apem, Morea, Afaes Portanova, Avelaíña e Andaina, todas elas integradas en FEAFES Galicia. Ademais, os acompañan un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que a federación ten nas súas diferentes delegacións (A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago).
A viaxe comezou o pasado mércores 28 de setembro en Salceda (O Pino) e constou dun total de 28 quilómetros repartidos en tres etapas do Camiño Francés. Esta viaxe permite que as persoas con enfermidade mental realicen exercicio físico e tamén ten un factor lúdico rehabilitador, xa que serve para que os participantes se integren na sociedade e realicen actividades colectivas. De feito, ao longo destes días, os 55 participantes puideron coñecer peregrinos de todos os lugares do mundo e intercambiar experiencias con eles, ademais de gozar da natureza.