O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que, por terceiro ano consecutivo, a Xunta volve incrementar o orzamento destinado á atención á discapacidade, que desde 2014 ascendeu un 24% ata acadar os 94 millóns de euros. O obxectivo, segundo aseverou, é construír un modelo de sociedade no que a integración non sexa entendida como unha simple asimilación desta realidade social, senón como un recoñecemento ás capacidades de cada persoa.
Durante a sinatura dos convenios nominativos coas entidades de discapacidade 2016, entre as que se atopa FEAFES Galicia, Feijóo afirmou que Galicia quere ser un exemplo dentro da sociedade moderna de protección social, destacando así o traballo que desempeñan asociacións como Fegerec e Aspaym e as representadas a través do CERMI.
Estes convenios teñen como obxectivo contribuír a promover a integración social e laboral das persoas con discapacidade; favorecer o seu desenvolvemento persoal e a súa autonomía; desenvolver accións encamiñadas a mellorar a súa calidade de vida; orientar e apoiar as persoas con discapacidade e as súas familias e coidadores; e impulsar a formación e a investigación para o tratamento da discapacidade.
O titular da Xunta garantiu que o benestar das persoas dependentes ou cunha discapacidade será sempre un obxectivo prioritario na acción do Goberno galego. E, nesta liña, destacou a posta en marcha da Estratexia galega sobre a discapacidade 2015-2020, que contén 460 medidas para mellorar a atención á discapacidade desde ámbitos de actuación concretos e vitais; a autonomía persoal; a educación, co fin de que dispoñan dunha aprendizaxe e formación permanente en igualdade de condicións que o resto da poboación; a formación e o emprego, para favorecer o seu acceso ao mercado de traballo; e a saúde, para ofrecerlles unha asistencia sanitaria específica.
Novas liñas de actuación
Baixo estes parámetros, esta estratexia inclúe diversas liñas de axudas aos concellos, que se poñen en marcha este ano por importe de preto dun millón euros, para mellorar a accesibilidade dos recursos turísticos; actuacións de mellora dos accesos nas infraestruturas portuarias; a implantación dun sistema tecnolóxico no transporte público de Galicia que ofreza información en tempo real de horarios e adaptabilidade; a aprobación da carteira de servizos específica para as persoas con discapacidade; e programas de asesoramento e orientación académica e profesional, cun orzamento tamén de máis de un millóns de euros.
Así mesmo, cómpre destacar as novas liñas de subvencións para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal ou de asistencia, por valor de cerca dun millón euros; “e tamén está prevista a primeira convocatoria do proceso selectivo de acceso á función pública galega para as persoas con discapacidade intelectual”, abundou.
Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego subliñou que esta estratexia ten ademais en conta outros plans sectoriais da Xunta para ampliar o seu alcance e ser máis efectiva nos seus resultados. É o caso da Estratexia de Inclusión Social de Galicia, os programas operativos do Fondo social Europeo e Feder, o IV Plan galego para a igualdade entre homes e mulleres ou a Estratexia Sergas 2015-2020.
No tocante ás prazas públicas, Feijóo asegurou que se entre 2009 e 2015 se crearon 929 prazas en centros de día, residencias ou ocupacións para atender as persoas con discapacidade, hoxe podemos dicir que en Galicia hai 5.000 prazas públicas para este colectivo. “E podemos adiantar que para finais de ano serán preto de 5.200, porque estarán dispoñibles 167 novas prazas”, dixo.
Xunto con isto, tamén se porán en marcha novos programas de axudas con financiamento europeo que suporán unha dotación orzamentaria de máis de seis millóns de euros. Estes programas irán destinados, sobre todo, tanto ao mantemento das prazas nos centros de día e residencias que atenden a discapacidade, como ao fomento da accesibilidade en espazos públicos e á eliminación de barreiras arquitectónicas.
O presidente do Goberno galego concluíu aseverando que coa sinatura destes convenios “non só queremos apoiar o traballo das asociacións que representan este colectivo senón sumarnos aos seus retos e obxectivos”.
Vía Xunta de Galicia.