Skip to main content


#Descubre. Non bloquees a túa saúde mental é un programa de sensibilización e prevención sobre saúde mental e adiccións desenvolvido pola Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA e financiado polo Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. 
O seu obxectivo é ofrecer información actualizada, non nesgada e con perspectiva de xénero orientada á importancia da saúde mental, así como os factores de risco do consumo de drogas e a posible relación entre ambos. Ademais, tamén pretende sensibilizar sobre adiccións sen substancia (videoxogos, redes sociais…) e concienciar sobre o importante papel que xogan os diferentes actores dentro do sistema educativo no desenvolvemento persoal dos e das menores.
Este proxecto permite aprender a identificar as sinais temperás que nos poidan alertar sobre algún problema de saúde mental, dando a coñecer os diferentes recursos e dispositivos de apoio. Do mesmo xeito, axuda a minimizar as secuelas do estigma, difundindo unha imaxe realista e libre de estereotipos sobre os trastornos mentais e o consumo de drogas. 
O programa #Descubre inclúe tamén cuestións de xénero como a violencia cara as mulleres e as súas consecuencias na saúde mental. Igualmente, incídese nunha serie de factores de risco dos problemas de saúde mental como a violencia infantil no ámbito escolar ou familiar; as situacións de discriminación e exclusión social; o culto á imaxe e os malos hábitos nutricionais; o consumo de alcol, drogas e outras adicións; ou as expectativas culturais e sociais.
Este ano, Saúde Mental FEAFES Galicia desenvolveu o programa #Descubre en Lugo, chegando a un total de 38 alumnos e alumnas de FP Básica do CEIP As Mercedes, así como a 57 alumnos e alumnas de 3º da ESO do Colexio Marista La Inmaculada. Na área de Santiago, estivemos con 90 alumnos e alumnas do IES Negreira e con 266 no IES Xelmírez. Ademais, realizouse unha charla de sensibilización a nais e pais na que participaron 12 familias do IES Carnota. Na zona de Vigo, pola súa banda, acudimos ao IES de Teis, onde conversamos con dúas clases de 4º da ESO nas que había arredor de 38 alumnos e alumnas, e ao Colexio Andersen, onde estivemos con 30 alumnos e alumnas de 3º da ESO.
Debido á situación provocada pola COVID-19, a charla no Colexio Marista La Inmaculada de Lugo realizouse de xeito telemático por videoconferencia, mentres que o resto de encontros realizáronse en grupos burbulla cumprindo sempre as medidas de seguridade marcadas polas autoridades.