Skip to main content
Durante o mes de maio, a psicóloga de Saúde Mental FEAFES Galicia, Cristina Rivas, realizou unha serie de charlas ao alumnado da Universidade da Coruña para falar da xestión e o manexo do estrés, así como o coidado da saúde mental no ámbito académico.
Trátase dunha actividade organizada no marco do convenio de colaboración entre Saúde Mental FEAFES Galicia e a devandita universidade, a través da UDC Saudable, mediante o cal ambas entidades comprométense a traballar conxuntamente no fomento da saúde mental entre a mocidade e o estudantado universitario da Coruña.
As charlas realizáronse o mércores 12 e o venres 14 de maio e estiveron dirixidas ao alumnado da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica e da Facultade de Ciencias, respectivamente. Ambas tiveron unha duración dunha hora e realizáronse de xeito telemático ou mixto a través da plataforma Microsoft Teams.
Nestas xornadas, o estudantado recibiu información sobre a saúde mental no ámbito académico da UDC e aprendeu a identificar e xestionar as emocións de forma saudable, así como a manexar o estrés, especialmente nun contexto académico. 
As persoas que asistiron ás charlas aprenderon tamén hábitos xerais para o coidado da saúde mental, do mesmo xeito que puideron identificar posibles factores de risco. Cuestións como a conciencia dun/ha mesmo/a, a autorregulación ou a motivación son competencias que se abordaron estas xornadas e que determinan o xeito no que afrontamos determinadas situacións. 
Cómpre sinalar tamén que, no marco do convenio de colaboración entre as dúas entidades, Saúde Mental FEAFES Galicia ofrece de xeito continuado información e asesoramento sobre saúde mental ao alumnado da Universidade da Coruña.