Skip to main content

Esta mañá, o CERMI Galicia organizou un acto en Santiago de Compostela para presentar ós medios a iniciativa que leva por lema “Afirma os teus dereitos, asina contra o copagamento“. O obxectivo desta campaña é a recollida de 500.000 sinaturas en todo o territorio nacional para modificar a Lei de Autonomía Persoal e Dependencia no relativo aos criterios de copagamento a través da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP).

A presentación, na que participaron representantes de todas as entidades membro do CERMI, entre elas FEAFES Galicia, tivo lugar ás 11:00, na sede da Fundación Abanca en Santiago de Compostela (Rúa do Vilar nº 19). Ó final do acto, os representantes de cada entidade asinaron conxuntamente o documento a través do cal solicítase ó Congreso a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular para a reforma da Lei de Dependencia e contra o copagamento confiscatorio.

O copagamento na dependencia

A iniciativa lexislativa popular contra o copagamento confiscatorio é a resposta do movemento social da Discapacidade ás políticas das Administracións sociais, que no desenvolvemento da lei de Autonomía Persoal e Atención á Dependencia crearon unha situación insostible, que fai recaer o esforzo económico de mantemento do sistema nas propias persoas en situación de dependencia, algunhas das cales se viron obrigadas a renunciar a recursos de atención, como residencias ou outro tipo de servizos, por motivos económicos.

“Afirma os teus dereitos, asina contra o copagamento confiscatorio” é o lema desta campaña que o CERMI emprendeu en todas as comunidades autónomas, e coa que a plataforma pretende chegar ás persoas con Discapacidade e con idade avanzada, e ao seu ámbito familiar, así como aos profesionais dos servizos sociais, aos voluntarios e á cidadanía en xeral, para que consignen a súa sinatura de apoio a esta acción.

Os cambios propostos están encamiñados a establecer criterios máis claros, xustos e iguais, en relación coa capacidade económica e a participación no custo das prestacións por parte das persoas beneficiarias. Estes inclúen medidas como a exención do copagamento aos que perciban menos de 1.331 euros, ou fixar unha achega máxima por superior ao 60% do custo do servizo ao que accede.

presentacion campaña copago.jpg