Entretemento, sensibilización e exercicio son ingredientes que conforman unha mestura tan atraínte como explosiva, dos que bo partido souberon sacar os compañeiros de A Creba coa súa proposta para o Día Mundial da Saúde Mental: a I Marcha Lúdico-Solidaria por Noia!
Aproveitando esta conmemoración, que se celebra o 10 de outubro, a asociación quere sacar aos veciños de Noia á rúa para sensibilizalos sobre a saúde mental e a realidade das persoas que teñen trastornos mentais. A este propósito, ese mesmo día instalarán unha haima na alameda da vila onde a xente poderá inscribirse á marcha, ademais de consultar folletos e documentación informativa sobre o Día Mundial da Saúde Mental.
A marcha iniciarase nese punto ás 10:00 e transcorrerá ata os muíños de Pedrachá, onde se escenificará a lenda dunha fada e ¡ visitaranse os muíños. A continuación, avanzarase ata a ponte medieval de Traba, atravesando os lavadoiros e percorrendo un sendeiro pola beira do río ata chegar a Xei.
Unha vez alí, A Creba invitará a todos os participantes a un exquisito magosto e haberá xogos para os máis cativos ademais da representación dunha pequena obra de teatro. Os asistentes tamén poderán facerse fotos nun photocall para celebrar o Día Mundial da Saúde Mental.
Se queres saber máis sobre esta marcha, únete ao evento en Facebook e estate atento ás novidades. E se queres saber que máis actividades teñen organizadas A Creba e as outras asociacións de FEAFES Galicia para o Día Mundial da Saúde Mental, pica aquí.