A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes) e o Grupo Moldes asinaron esta mañá un convenio de colaboración para que un grupo de usuarios do Servizo de Inserción Laboral de Feafes realicen prácticas non laborais nos establecementos que a cadea de supermercados ten en Redondela e Pontevedra.
O acordo foi rubricado pola coordinadora do Servicio de Inserción Laboral de Feafes Galicia, Carina Fernández Rivera e pola directora de Recursos Humanos do Grupo Moldes, Montserrat Abreu Otero, na sede central da empresa no Marco, Pontevedra.
Grazas a esta colaboración, un grupo de catro demandantes de emprego con enfermidade mental iniciaron o pasado 26 de novembro o seu período de prácticas, que finaliza o 14 de xaneiro de 2013. Neste tempo, desempeñarán tarefas de repoñedor.
Feafes Galicia quere destacar que esta é unha nova oportunidade para demostrar a empresarios, traballadores e a toda a sociedade en xeral que as persoas con enfermidade mental están perfectamente capacitadas para encontrar e manter un posto de traballo que repercuta positivamente na súa integración social, colaborando desta forma na eliminación do estigma que padece o colectivo.
Feafes Galicia leva cooperando un ano co Grupo Moldes na inserción laboral de persoas con enfermidade mental, e espera seguir contando coa súa colaboración nun futuro, tanto con prácticas non laborais coma con futuras contratacións.