Skip to main content

Durante o 2014, FEAFES Galicia está a levar a cabo unha serie de actuacións no marco do “Proxecto Inclusión Social: Programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental” subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar no marco do Plan Galego de Inclusión Social, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo FEDER/FSE de Galicia 2007-2013.

Dentro deste proxecto atópase un programa para o desenvolvemento de habilidades sociais e prelaborais para persoas con enfermidade mental. O seu obxectivo é, por un lado, mellorar os coñecementos, habilidades e ocupabilidade das persoas con enfermidade mental desempregadas a través do deseño de itinerarios personalizados. Por outro lado, este programa pretende prestar apoio e acompañamento social ós usuarios nas accións formativas e na súa integración na empresa.

O diagnóstico das persoas con enfermidade mental, a situación actual do mercado laboral, o prexuízo social e a carencia de recursos económicos dificultan enormemente o acceso deste colectivo a un posto de traballo, aumentando por tanto o risco de que estas persoas caian nunha situación de pobreza e exclusión social.

Por iso, no marco deste programa, os profesionais do Servizo de Inserción Laboral de FEAFES Galicia ocuparanse de deseñar itinerarios personalizados para cada un dos demandantes. Estes itinerarios incluirán un conxunto de actividades que os participantes deben realizar, facilitándolles deste xeito recursos para que xestionen con autonomía o seu propio proceso de inserción laboral. 

Un total de 24 usuarios de FEAFES Galicia poderán beneficiarse deste programa, que se levará a cabo nas distintas delegacións que ten a entidade por toda Galicia (A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo).  Para iso realizaranse unha serie de talleres durante os meses de outubro e novembro, que inclúen obradoiros de Motivación e Técnicas de Busca de Emprego e obradoiros de Habilidades Sociais e Laborais.

proxecto inclusion noticia 2.jpg

logos proyecto inclusion.jpg