Skip to main content

Yohana é unha das alumnas que finalizou con éxito o Punto Formativo Incorpora 2023 “Limpeza e desinfección sanitaria de edificios e locais” que se realizou en Coruña. Ó rematar o curso, logrou un contrato de traballo co grupo Clece

 

O pasado mes puxemos o broche final ó  Punto Formativo Incorpora 2023 Limpeza e desinfección sanitaria de edificios e locais, que se realizou en Coruña grazas ó Programa Incorpora de Fundación ”La Caixa”

O curso, que empezara o 21 de marzo e que se impartiu no Espazo Amizar (cedido pola Xunta), constou de 250 horas nas que os alumnos e alumnas recibiron formación tanto en contidos técnicos como transversais.

“Punto Formativo Incorpora apórtanos  experiencia e coñecementos”

Yohana, é unha das alumnas que finalizou con éxito este Punto Formativo Incorpora, formación que valora moi positivamente: “Aporta moito a moitas persoas que necesitamos experiencia e coñecementos”

Yohana estivera en España traballando no coidado de persoas maiores, a vida levouna de regreso ó seu país de orixe e, ó volver aquí atopouse cunha situación difícil no ámbito laboral: “Pedíanme cursos e formacións que eu non tiña. Así que decidín apuntarme a todos os cursos que puidera”. Así chegou ó Punto Formativo Incorpora de Limpeza e desinfección sanitaria de edificios e locais. Nel, ademais de adquirir as habilidades específicas para este posto de traballo, tamén recibíu formación transversal como o traballo en equipo, a xestión do tempo, a resolución de conflictos, etc. “Rec0mendei este curso e volveríao recomendar de novo, porque é unha oportunidade, tanto de traballo como de formación.

Unha oportunidade tamén para as empresas

Tras o seu paso por esta formación, Yohana empezou a traballar cubrindo unhas vacacións en Samaín Servizos á Comunidade S.A., unha filial do grupo Clece S.A que colabora con Saúde Mental FEAFES Galicia desde 2018. Sara Costa Taibo, técnica de selección de Clece S.A e Samaín, afirma que é unha experiencia moi positiva: “con programas coma este conseguimos insercións plenas con resultados máis que satisfactorios”. Recoñece que os e as traballadoras que reciben destacan pola súa actitude e pola súa formación; “se repetimos é porque a experiencia sempre é boa”

Este tipo de iniciativas, serve tamén como unha forma de eliminar estigmas e os prexuízos que aínda se teñen sobre algúns colectivos. Sara Costa asegura que os equipos diversos son un beneficio para a empresa: “fannos aprender día a día, uns dos outros”. E recalca a labor das orientadoras e orientadores laborais: “o feedback constante que nos dan sérvenos para coñecer máis a realidade das persoas, poder entendelas mellor e buscar unha conciliación. A orientación é fundamental para que a inserción funcione“.

Pola súa parte, Sonia Ramos, técnica de inserción de Saúde Mental FEAFES Galicia e coordinadora do Punto Formativo Incorpora A Coruña, afirma que o que diferencia os Puntos Formativos Incorpora doutros é que se traballe tanto a parte técnica como as competencias transversais: “é algo que o alumnado valora á hora de anotarse. Son perfís moi heteroxéneos, con casuísticas e experiencias persoais moi diversas. Pero ó final todos aprendemos de todos e a experiencia é moi positiva”

O obxectivo: a inserción laboral

Yohana non foi o único caso de éxito deste Punto Formativo Incorpora 2023 Limpeza e desinfección sanitaria de edificios e locais en A Coruña. En total, foron 15 persoas as que remataron, das que 12 están traballando a día de hoxe, e 1 está a espera de contrato. A maioría delas, excepto 4, están desempeñando as súas funcións como persoal de limpeza en empresas acolledoras de prácticas ou filiais.

O curso ofrece a alumnos e alumnas entrenar un repertorio de habilidades necesarias para a consecución e o mantemento do posto de traballo: seguridade persoal, traballo en equipo, xestión de tempo, adaptabilidade, resolución de conflictos, competencias dixitais… Así como outros aspectos teórico-prácticos do posto específico, neste caso de limpeza, tales como: hixienización e desinfeción, limpeza hospitalaria, eliminación de residuos, nocións de lavandería e prevención de riscos laborais.

A formación complétase con 80 horas de prácticas en empresas como: Eulen S.A, Clece S.A, Samaín Servizos á Comunidade S.A, CLN Servicios Integrales S.L, Erika Xarau Angulo e Nortex Outsourcing Global S.L. Con este período de prácticas, o alumnado puido experimentar in situ o día a día do traballo no sector.

O Punto Formativo Incorpora é unha oportunidade para as persoas que presentan maiores dificultades á hora de buscar un emprego. E tamén unha ferramenta para a eliminación de prexuízos sobre o colectivos vulnerables.