Do 23 ao 26 de maio, un grupo de 63 persoas pertencentes a distintas asociacións de FEAFES Galicia participarán nunha viaxe por diversas localidades do país luso.
O percorrido comezará en O Porto, onde os visitantes poderán realizar unha panorámica en autocar para coñecer despois os principais monumentos da cidade. Poderán admirar a riqueza dos edificios do centro histórico, declarado Patrimonio da Humanidade da UNESCO, e pasear polas beiras do Douro.
O segundo día está reservado para Vila Real e Guimaraes. A primeira, capital da provincia de Tras-os-Montes, está chea de edificios singulares e monumentos que fan desta una cidade bonita e apracible. En Guimaraes, pola súa banda, destacan o Castelo coa Torre da Homenaxe, o Palacio dos Duques de Bragança, a Cova da nosa Señora da Pena e o centro histórico.
O luns 25, está programada unha visita a Povoa de Varzim, onde os visitantes poderán descubrir as súas famosas praias, a Marina, e os seus edificios históricos. Pola tarde será a quenda de Espinho, que nos permitirá camiñar polo seu paseo marítimo e a súa praia.
E para clausurar a viaxe ao grande, o último día será a quenda de Braga, cuxo centro histórico está repleto de edificios relixiosos que son fiel testemuño da longa historia cultural da cidade. Pola tarde realizarase unha visita a Ponte de Lima, cidade medieval cunha interesante ponte romana, impresionantes xardíns, pazos, palacetes e casas antigas.
Esta viaxe está organizada polo Servizo de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, co obxectivo de que os usuarios das asociacións coñezan novos lugares e xente a través de actividades lúdicas. Mediante a realización de actividades de tempo libre normalizadas, as persoas con problemas de saúde mental poden mellorar a súa calidade de vida e os seus familiares teñen a oportunidade de gozar dun tempo de descanso na súa tarefa de coidadores.