A asociación Lenda, de Redondela, proclamouse gañadora este sábado do VII Campionato de Balompé Todos polo Fútbol, celebrado pola Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes). O segundo posto foi para Lar, de Vilagarcía, e os terceiros clasificados, Apem A Coruña e Alba. O cuarto posto foi para Portanova, o quinto para A Mariña, o sexto para Morea O Barco, o sétimo para Doa e o oitavo para Apem Cambre.
Así mesmo, o xogador de Lenda Brais Lourido Mariño recibiu o trofeo de máximo goleador, mentras que José Antonio Fernández Barral, de Apem Coruña, foi galardoado como mellor xogador do campionato. Tras sete edicións, o nivel do encontro xa é bastante elevado, xa que os participantes van mellorando a súa técnica, ata o punto de que se disputaron varios partidos moi reñidos, aínda que en todo o evento reinou a deportividade e o xogo limpo.
O campionato tivo lugar no pavillón da Gándara ao longo de toda a xornada, o sábado 22 de xuño, xa que a asociación Afaes Portanova foi a anfitrioa e organizadora do campionato. O obxectivo deste evento é promover o deporte en igualdade, impulsar a práctica de deporte entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que padece este colectivo.
En total, Feafes Galicia reuniu no pavillón máis de 200 persoas, entre participantes e acompañantes.Dende o mes de marzo ata mediados de xuño, os 10 equipos que participan na liga enfrontáronse nunha serie de partidos, que agora conclúen nesta final, que se disputa seguindo o modelo dos play-off.En total, participaron nove combinados, procedentes de oito asociacións de toda Galicia.
A entrega de premios correu por parte de Patricia Otero de Oliveira, porteira do Burela F.S., campioa de España de Liga e da Copa da Raíña 2013; quen estivo acompañada polo presidente de Afaes Portanova, Félix Pena Calvo; e o director de Feafes Galicia, Antonio Hernández Fernández.