Skip to main content

María Jesús Lorenzana visitou onte a nosa delegación en Santiago de Compostela para coñecer máis de preto o Servizo de Orientación Laboral 

O acceso ó emprego é un obxectivo con enormes dificultades para as persoas con problemas de saúde mental, sendo o desemprego e a marxinación do mundo laboral unha das maiores desvantaxes sociais que sofre este grupo de persoas.

Para facer fronte a esta dificultade e dar resposta ás necesidades das persoas con problemas de saúde mental demandantes de emprego,  Saúde Mental FEAFES Galicia conta cun Servizo de Orientación Laboral dende o ano 2002 que naceu como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia e conta co apoio da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade.

Para coñecelo máis de preto, onte a Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou as instalacións da delegación de Saúde Mental FEAFES de Galicia en Santiago, acompañada da Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca. Durante a visita, coñeceron as instalacións da delegación de Compostela, onde tiveron a oportunidade de falar co persoal técnico e directivo da entidade. Na reunión que mantivemos, presentamos os resultados dos distintos programas que desenvolvemos en colaboración coa Consellería. Do mesmo modo, tamén conversamos sobre as necesidades do colectivo en materia de emprego.

Nesta conversa, a Conselleira valorou enormemente o traballo que realizamos desde Saúde Mental FEAFES Galicia en materia de emprego, xa que este é un factor fundamental para a recuperación das persoas con problemas de saúde mental e para a súa normalización e inserción na sociedade.

20 anos de orientación laboral

Con este servizo de Orientación Laboral, pretendemos mellorar a empregabilidade e a cualificación das persoas con problemas de saúde mental dun xeito individualizado e integral, que inclúe dende a análise das motivacións e capacidades da persoa ata o acompañamento posterior no posto de traballo. Vinte anos despois da súa posta en marcha, no 2022 contamos con 10 orientadores e orientadoras laborais especializadas que atenderon a 1.207 persoas nas catro provincias, logrando que 677 delas accedesen a 1134 contratos de traballo.

Ademais do Servizo de Orientación, grazas á colaboración da Xunta de Galicia, podemos tamén prestar os apoios necesarios para que as persoas con enfermidade mental poidan traballar no mercado ordinario a través do programa autonómico de Emprego con Apoio.