Skip to main content

A través do programa PAIEM, que conta co apoio da Fundación Barrié, traballamso en todos os centros penitenciarios galegos para que as persoas internas con problemas de saúde mental coñezan e aprendan a manexar a súa patoloxía.

Programa de Atención Integral ó Enfermo Mental en prisións (PAIEM), está dirixido ás persoas con problemas de saúde mental que se atopan cumplindo unha pena de privación de liberdade nun centro penal ordinario, así como as persoas internas que durante a súa estancia nun centro penal desenvolven un problema de saúde mental sobrevido. O seu obxectivo é mellorar a situación destas persoas, traballando tamén coas súas familias.

Trátase dun convenio ratificado coa Fundación Barrié, a Fundación Roviralta, a Fundación Érguete e a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias que se desenvolve nos distintos centros penais galegos a través de distintas asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Alume (Bonxe e Monterroso), Morea (Pereiro de Aguiar), Lenda (A Lama e CIS Vigo) e APEM (Teixeiro e CIS Coruña).

O traballo que se realiza no programa PAIEM consta de tres fases: unha primeira na que se trata de coñecer o diagnóstico e estabilizar á persoa, unha segunda de rehabilitación psicosocial e unha terceira que pretende unha adecuada derivación e reinserción da persoa.

Para iso, realízanse talleres grupais para persoas internas, intervencións psicolóxicas individualizadas e intervencións con familiares. No 2021 destacou especialmente a participación nos talleres de psicoeducación e de rehabilitación cognitiva, aínda que tamén se realizaron outros de habilidades sociais, vida saudable e saídas terapéuticas, sumando un total de 354 talleres en total ao longo do ano.

Cómpre sinalar, non obstante, que no 2021 o programa PAIEM aínda sufriu consecuencias derivadas da COVID-19, pois producíronse varios peches de centros penais por motivos de seguridade sanitaria polo que houbo que adaptar algunhas actividades para realizalas de xeito telemático.

Ao longo do ano, atendéronse a 130 persoas internas no marco deste programa, das cales 120 foron homes e 10 mulleres. Realizáronse 219 intervencións cun total de 36 familias e traballouse con 36 internos de apoio. Destacan tamén as numerosas intervencións individuais realizadas, que sumaron un total de 616 sesións.