140 mulleres en situación de vulnerabilidade e que teñen algún problema de saúde mental, participan no noso programa Tempo de lecer en igualdade
A inicios do 2024 demos comezo a un novo proxecto vinculado ó ocio saudable. Tempo de lecer en igualdade é unha iniciativa que busca mellorar a vida das mulleres en situación de vulnerabilidade e con problemas de saúde mental a través de actividades de lecer. Este programa está financiado pola Consellería de Promoción do emprego e a igualdade.
As mulleres que se atopan en situación vulnerable a miúdo carecen dunha rede de apoio ou non teñen relacións sociais que lles faciliten ter unha vida activa e sentirse parte da sociedade. Se ademais teñen algún problema de saúde mental, esta situación agrávase. A través de Tempo de lecer en igualdade, pretendemos mellorar a súa calidade de vida mediante actividades que coiden o seu benestar físico e emocional, o seu desenvolvemento persoal e as relación sociais e a inclusión entre oturos.
Actividades de lecer nun ambiente integrador
Neste primeiro ano, son 140 as mulleres que participan no noso programa de lecer en igualdade. As actividades de ocio contribúen a promover unha maior calidade de vida. Non só mellora os aspectos físicos, senón que afecta positivamente ó sentimento de pertenza e de dignidade. O tempo de lecer é unha condición imprescindible para o benestar, forma parte dun estilo de vida saudable e constitúe un elemento preventivo e terapéutico.
Por iso, co programa Tempo de Lecer promocionamos a mellora da saúde física e mental a través de actividades deportivas. Tamén desenvolvemos unha rede social mediante a participación de actividades na comunidade, e axudamos a mellorar a auto-aceptación das mulleres participantes por medio de talleres.
Ademais, buscamos incrementar a súa autonomía e apoderamento a través da creación de grupos auto xestionados. Nestes grupos, as mulleres poderán propor e organizar actividades que se adecúen ós seus intereses, así como tecer unha rede de apoios e mellorar a confianza e seguridade en si mesmas.